Máis

Danzar para San Roque

Os Galáns e as Damas interpretan a Danza de San Roque, no Hío (O Morrazo). [Foto: Turismo Rías Baixas]
Esta sexta feira, no Hío, hónrase o santo do can.

As Danzas Ancestrais de Cangas (O Morrazo) son centenarias, porén a súa orixe é máis remota. Teñen lugar só unha vez ao ano e nelas as persoas danzantes visten traxes rechamantes e únicos. Estes bailes, declarados de Interese Turístico, pertencen a tres parroquias: Aldán, Darbo e o Hío. A desta última celébrase hoxe e é coñecida como a Danza de San Roque.

Data do século XIV e orixinouse para agradecer ao santo o seu labor contra a peste. A coreografía realízana dezaseis bailaríns: dez Galáns, cinco Damas e o "Guía das Damas". Todos teñen que ser homes natais do Hío e son "prometidos" pola súa familia para tomar o relevo no grupo. Ao momento de bailar divídense en tres filas paralelas: os Galáns nos extremos e o medio ocúpano as Damas, interpretadas sempre polos bailaríns máis mozos. 

Os danzantes móvense ao ritmo das gaitas e tamborís mentres tocan as castañolas durante os 45 minutos de puntadas, xiros e xenuflexións cara á imaxe de San Roque. O remate do baile coñécese como Contradanza. É o momento no que o santo volve ao templo e os bailaríns acompáñano interpretando os mesmos pasos, pero a maior velocidade, seguindo os ritmos de catro por catro dunha muiñeira. A actuación repítese pola tarde, mais sen o carácter relixioso. 

O máis rechamante do baile son as vestimentas. Os Galáns visten de branco, gravata verde, chaqueta e chapeu azul coroado cunha vieira. As Damas visten como os peregrinos de Compostela, é dicir, como San Roque, levando un vestido longo verde, capa vermella e o sombreiro coa vieira. Esta indumentaria dálle ao baile do Hío o alcume de "Danza dos Peregrinos".