CRÍTICA DE ROCK E OUTRAS LERIAS

Def con Dos: #Trending_Distopic

No medio de toda a voráxine mediática pola súa condena por enaltecemento do terrorismo, César Strawberry aproveita para sacar un novo disco cuxo eixo central é a liberdade de expresión e a perda de dereitos que día a día sufrimos.

Como dixen anteriormente, estamos ante un novo disco de César Strawberry, non así de Def Con Dos. Coa expulsión da banda de Peón Kurtz, culminouse o proceso de cambio principiado coa de Juanito Sangre. Os dous novos vocalistas, Samuel Barranco e Sagan Ummo, cambian radicalmente a esencia do son Def, non só polos timbres, se non tamén polo estilo interpretativo que é moito máis lixeiro e menos combativo que o de Peón, moito máis hip hop que rap core. 

Este traballo é algo máis que 12 temas combativos, se non que vai máis alá, facendo un continuo alegato a prol da liberdade de expresión e citando frases de personaxes  notables sobre  os dereitos e a loita. Así mesmo, neste disco, César conta coa colaboración de xente como Tote King, Juan de Soziedad Alkohólika, Bulbul, Zoo, Jimmy Barnatán  ou Sherpa que se lanza a cantar a versión Def do mítico Resistiré de Barón Rojo.

Sen dúbida andamos nun disco que comeza unha nova etapa na carreira musical de Strawberry con Def Con Dos¸ collendo unha nova liña compositiva, no que prestan moita máis atención á melodía, que tiñan abandonada dende hai anos e que, ben é certo, que chegaba a producir certa monotonía nos seus últimos traballos. Do mesmo xeito neste traballo comparten espazo temas máis duros como poden ser Dación en Pogo, Derecho a Orgasmar ou Que Tu Nos Persigas con outros máis baixados de revolucións,  con máis protagonismo da máquina mesturado con aires máis roqueiros como Que Se Inmole El Que No Mole ou Estoy en Shock ou a revisión que fan de Sobreviviendo.

No seu conxunto, estamos ante un disco de ruptura na traxectoria Def que aos seguidores máis clásicos da banda é posíbel que non lles guste, pero que marca o camiño que a banda vai seguir nos vindeiros anos. É moi posíbel que de non ser polo condena de César teríamos entre as mans un disco moi distinto de este. Escoita o disco sen pensar que se trata de un disco clásico Def Con Dos, se non como un traballo de cambio de etapa e atoparás  un moi bo traballo. 


WEB: http://www.defcondos.com
FACEBOOK: https://www.facebook.com/defcondosoficial/
TWITTER: @DEF_CON_DOS

LISTAXE DE TEMAS
1.Chaleco reflectante - con Zoo
2.Reservado - con Tote King
3.Esto es el Def
4.Derecho a orgasmar - con Jimmy Barnatán
5.Que tú nos persigas...
6.Dación en pogo - con Juan S.A
7.Estoy en shock
8.Que se inmole el que no mole - con Bulbul
9.Desconfía
10.Algunas canciones acaban bruscamente
11.Sobreviviendo 2017
12.Resistiré - con Sherpa