CRÍTICA DE CINEMA DAS SEXTAS FEIRAS

Déixame saír

Un fotograma do filme

DÉIXAME SAÍR

Get Out

(EUA 2017, 104 min.) 

Dirección e guión: Jordan Peele

Fotografía: Toby Oliver

Música: Michael Abels

Elenco: Daniel Kaluuya, Allison Williams, Catherine Keener, Bradley Whitford, Caleb Landry Jones, Betty Gabriel, Stephen Root, Lil Rel Howery, Lakeith Stanfield, Marcus Henderson, Erika Alexander

 

SINOPSE

Chris non anda moi convencido con coñecer os pais da súa moza, pois el é afroamericano e ela unha branca de familia rica. Rose asegúralle que eses prexuízos só están na súa cabeza, así que o convence para pasar unha memorábel fin de semana na casa do seus pais.

 

CRÍTICA

 

O xénero de terror non se caracteriza precisamente por abordar o tema racial, máis ben destaca pola súa ausencia. Alén da blaxploitation, con títulos tan “apetecíbeis” como Blacula ou Blackenstein, hai honrosas excepcións que si o fan como A noite dos mortos viventes (1968, George A. Romero) ou Un vampiro ceibo en Brooklyn (1995, Wes Craven). O debut na dirección do comediante Jordan Peele incide de fronte no tema racial, sen filtros e con bastante mala baba, cunha trama de terror psicolóxico. Chris Washington e Rose Armitage son dous mozos namorados. Tras varios meses de noivado, ela convídao a coñecer os seus pais nunha fin de semana na mansión familiar. Ao medo natural de Chris por un trámite tan pouco apetecíbel, súmase a circunstancia de que el é negro e ela unha branca de familia rica. Nada máis chegar á casa dos Armitage, os temores de Chris pasan a un segundo plano pois semella unha adorábel familia que ademais se gaba de seren grandes defensores dos dereitos civís. O único que non cadra moito son certas estrañas actitudes dos criados... O británico Daniel Kaluuya interpreta o sufrido protagonista que non sabe ben onde se está a meter. Curiosamente, nun filme que afronta o racismo de fronte, hai pouco as redes sociais fixéronse eco dun esvarón épico con cheiro xenófobo: o actor Samuel L. Jackson viña a dicir que debería ser un afroamericano (e non británico como Kaluuya) o que fixera o rol protagonista de Déixame saír, para ser todo o “negro” que require a personaxe. Á marxe da polémica, resolta, folga dicir que se alguén viu o episodio 15 millóns de méritos da primeira tempada de Black Mirror poderá intuír que Kaluuya estará perfecto no rol. A destacar tamén a solvente actuación dos pais da protagonista interpretados por Catherine Keener (Vivir rodando, Como ser John Malkovich) e o eterno secundario Bradley Whitford (Un mundo perfecto, Guerra de viños). Xeniais. Atención á banda sonora de Michael Abels, cunha mestura perfecta de música dodecafónica descontextualizada e murmurios tribais. Logra poñer os pelos de punta inclusive máis que o propio filme pois, de feito, Déixame saír máis que un filme de terror é un psicothriller ao uso con trama propia dun episodio de Twilight Zone mesturado con Adiviña que vén esta noite (1967, Stanley Kramer), The Stepford Wives (1975, Bryan Forbes) e Society (1989, Brian Yuzna). Un prometedor debut de Jordan Peele que consegue que esteamos pegados á butaca sen pestanexar mergullados nunha trama verdadeiramente hipnótica. Só se lle pode achacar certa precipitación no clímax final ao querer concluír demasiado pronto deixando certa sensación de “filme menor”, cando non é así. Típico erro de debutante que non desmerece un filme elegante, divertido, bastante inquietante e con moitísimas lecturas.