MÁIS

Dez anos da Arca da Noe

Noemí Vásquez, capitá da Arca da Noe. (Foto: A Arca da Noe)
Leva unha década a navegar e non ten intención de deterse. A Arca é unha mestura de sala de concertos, taberna, espazo cultural e centro de actividades localizado en Vilar de Santos (A Limia).

A súa viaxe comezou no verán de 2014. Noemí Vásquez Nogueiras impulsou este proxecto para crear un espazo na súa comarca natal que ofrecese distintos tipos de espectáculos e nos que veciñas e veciños de todas as xeracións puidesen desfrutar de todo o que ofrece a nosa cultura. A Arca da Noe abre de sexta feira a domingo, de 12 horas a 2 da madrugada. O espazo acolle workshops, exposicións e festivais. Xa levan máis de 1.000 concertos nas súas costas e tres Premios Martín Códax á mellor sala de concertos. O último foi logrado nesta última edición.

Noemí afirma que estes dez anos foron unha aventura:  "Moito traballo, persistencia e constancia. É un soño cumprido que non sería posíbel se non fose por todas as persoas que pasaron pola Arca", destaca en conversa con Nós Diario. 

Para conmemorar o seu aniversario, A Arca da Noe ten preparada unha xornada musical na sexta feira 27 de xullo no Espazo Carabuñas (Vilar de Santos). Por 20 euros, as persoas asistentes poderán desfrutar dun xantar e música en directo. O primeiro dos concertos será o de Irmaus da Raia Seca, ás 13 horas. Pola tarde, varios grupos pasarán polo escenario da Arca de 16.30 a 22 horas. As Tareixas, As xingras da Arca, Pésdelan e Eva e Camilo son as artistas escollidas para animar esta celebración.

A Arca conta tamén cun libro-CD musical, Oceanoe. Travessia polo mar das Antelas, que conta coa colaboración de máis de 50 músicas e músicos que remaron na Arca nalgún momento. A Banda da Loba, Xabier Díaz ou Uxía e Vanesa Muela son algúns destes mariñeiros. Na súa parte literaria, o libro lévanos a percorrer o mar de Antela e "recuperar a memoria e a vitalidade de lugares inesquecíbeis da Limia". 

Gastronomía da terra

Na Arca da Noe apostan polo produto de calidade e de proximidade. O prato estrela é a hamburguesa de boi de Allariz, con pan de Faragullas, unha panadaría da aldea. A tosta de setas shiitake de Trives é a súa opción vegana. As cervexas e licores son de Carabuñas e están elaborados con baga e flor de sabugueiro.

A tosta de setas shiitake de Trives, a estrela vegana da Arca. (Foto: A Arca da Noe)

Música de fronteiras 

Irmaus da Raia Seca é un grupo formado por catro recoñecidos músicos do panorama da Galiza. Gutier Álvarez, Pedro Pascual, Javier Álvarez e Pablo Pascual decidiron xuntarse para traer a música da Galiza e de Portugal a ambos  os países e manter a cultura da raia. Serán os encargados de abrir o aniversario da Arca da Noe o 27 de xullo. 

Perto da Arca, A carballa da Rocha

O que normalmente coñecemos como 'carballo' toma a súa forma en feminino ao volverse unha árbore voluminosa. Este exemplar atópase na Saínda de Abaixo (A Limia), a só catro quilómetros de Vilar de Santos. Con case sete metros de perímetro e cunha altura de trinta metros, é o carballo máis alto da Galiza. Estímase que ten 500 anos de antigüidade. En 2007, foi declarado Monumento Natural e Árbore Senlleira pola Xunta da Galiza.

O mellor momento para visitar esta árbore é a finais de setembro, cando ten lugar a romaría da Saínza en Rairiz de Veiga, que recrea unha batalla entre cristiáns e musulmáns.