Países de Europa arman vela en augas arousás

Perto dun cento de barcos xa están inscritos para tomar parte no XII Encontro de embarcacións tradicionais de Galiza que acollerá Cabo de Cruz do 9 ao 12 de xullo.

Máis de 150 embarcacións procedentes dunha decena de países atracarán durante catro días de xullo na vila arousá de Cabo de Cruz no que vai ser a XII edición desa festa de cultura, a xente e o patrimonio do mar que é o Encontro Internacional de Embarcacións Tradicionais de Galiza. Barcos de 20 tipoloxías diferentes e que chegarán desde Islandia, Irlanda, Bretaña, Croacia, Euskal Herria, Portugal ou o Mediterráneo, entre outras procedencias. Por agora a cifra de inscritos anda por beira dos 80. Embarcacións tradicionais de traballo e cabotaxe que serán protagonistas do 9 ao 12 de xullo dun completo programa de actos que atraerá -cálculos da organización- por volta de 20.000 persoas. Non é unha cifra disparatada, en vista da afluencia de edicións anteriores.

Van ser catro días de actividades, tanto no mar como na terra. Haberá concertos, obradoiros mariñeiros, rutas etnográficas, recitais poesía, xornadas técnicas... Mais os protagonistas serán as embarcacións, verdadeiras xoais da etnografía popular do mar europeo. Dos 'curraghs' da costa oeste de Irlanda aos maxestuosos galeóns bretóns, pasando pola dorna galega. 22 anos de singradura Os Encontros están organizados pola Federación Galega da Cultura Marítima e Tradicional, que agrupa 46 colectivos de Galiza e no norte de Portugal. Un deles, A Gamela, de Cabo de Cruz, é a anfitrioa desta XII edición. Como sinala o presidente da Federación, Manuel García Sendón, "é a única ocasión en que se pode gozar do museo vivo do patrimonio flotante de Galiza" e doutros países europeos. Todo un luxo que explica que edición após edición aumenten as delegacións internacionais que queren asistir a estes Encontros. unha iniciativa que comezou a navegar hai 22 anos, en Ribeira. Desde entón, cada dous anos, decorre un encontro nalgún porto galego. Pasaron por A Illa, Coruxo, Rianxo, Ferrol, O Freixo, Carril, Cambados... sempre coa mesma finalidade, como lembra a FGCMF, "poñer de manifesto a riqueza do patrimonio marítimo e cultural galego e toda a cultura que lle rodea", tanto material como inmaterial.

Desde a Federación destacan un aspecto destes Encontros que "non sempre se ten en conta". E é o que supón como elemento dinamizador de sectores como "a carpintería de ribeira, a velaría, os efectos navais, artesáns, e sobre todo e na medida que se está a protexer, conservar e divulgar o Patrimonio Marítimo Galego, estamos a potenciar os atractivos turísticos das comunidades da beiramar axudando a un turismo sostíbel, tal e como recomendan diversos proxectos". ‘Vento da historia, mar de futuro...’ é o lema da xuntanza que vai ter lugar en Cabo de Cruz do 9 ao 12 de xullo . "O positivo de contar con embarcacións estranxeiras é que teremos xente doutros países para que nos conten a súa experiencia na construción e tamén na formación regrada do oficio. Paradoxalmente, en Galiza vivimos de costas ao mar e en Europa comezaron moito antes a pór en valor este patrimonio", manifestou Xerardo Triñanes, presidente do comité organizador do encontro de Cabo.