Díaz Castro, o poeta que apoia a mocidade
Que cada ano a Academia recibe propostas e mesmo presións para conseguir o Día das Letras galegas é ben sabido. Que, desta volta, lle chegue da mocidade o apoio para o poeta Xosé María Díaz Castro, é pola, contra, unha noticia inesperada que terán que valorar as persoas que teñen dereito a voto no pleno. No IES Poeta Díaz Castro están a facer todo o posíbel para que sexa o escollido, mesmo un documental.
Se botaramos man do ronsel de nomes da nosa historia literaria e nos preguntaramos a quen apoiaría a mocidade para o Día das Letras Galegas abofé que en moi poucas ocasións a resposta se achegaría á realidade. Á Academia Galega chegaralle en días unha proposta para dedicarlle o ano ao poeta Díaz Castro e quen a avala é o alumnado do Instituto de Guitiriz, que leva o nome do poeta. Para amparar a súa petición, o centro non leva as mans valeiras, canda a súa vontade achegan un documental elaborado polo propio alumnado que presenta á figura do poeta de maneira singular, mesmo ao ritmo de rap. O próximo martes presentarán o seu documental na Real Academia Galega ás 12 horas e ás 16.45 compartirano con alumnado doutros centros e público xeral na Biblioteca do Centro Ágora. Desde o xoves 6 está ao dispor na canle youtube.
Rapear Díaz Castro?
Rapear Diaz Castro? Pois é posíbel. Fixérono en Guitiri
Centenario do nacemento
“Creceu rodeado das mesmas paisaxes que eles e se iniciou cos versos cando aínda era un rapaz, tamén como eles” apuntan na presentación do documental. A directora non oculta o seu entusiasmo co proxecto. A pouco que fale bótase a gabar as moitas calidades de Díaz Castro que o fan merecedor do recoñecemento. “Aporta unha mirada fresca sobre a poesía, destacándoa como unha maneira de aferrarse ao mundo e sentirse vivo” din, para definir ao poeta autor de Nimbos do que se fan o próximo ano os cen anos de nacemento en Guitiriz. No centro botan man deste dato para animar máis aínda a que a Academia se decante polo seu poeta porque poucas maneiras mellores se lles ocorre para conmemorar o centenario dun autor que deixou pegada na poesía galega e é un dos nomes de referencia obrigada na nosa historia literaria.