O disco do ano

Por que non compor o teu propio CD coa selección das mellores cancións do ano? Xusto é o que acaba de facer o noso crítico de rock e outras lerias.

Remata o 2016, un ano triste pola perda de grandes nomes no eido na música, mais tamén un ano cheo de lanzamentos discográficos. Discos bos e malos, pero en ningún caso o disco perfecto. Como sabedes, estou en contra do formato dos discos actuais porque ter que encher tantos minutos de gravación provoca, en moitos casos, pagar por unha ou dúas cancións boas e unha morea delas de recheo. Sería bo que os músicos e as discográficas que plantexaran volver á vella tradición de mediados do século pasado que consistía en sacar sinxelos de unha ou dúas cancións boas e cando tivesen bos temas dabondo, lanzar o Lp, cousa que agora é máis doado por mor das novas canles de distribución musical. E por iso que decidín, nesta derradeira semana do 2016, crear o meu propio Lp con cancións aparecidas este ano.

1.-/ Ghost – Square Hammer

Extraído do seu Ep Popestar, Square Hammer é un dos temas imprescindíbeis deste 2016, nos que Ghost volveron a demostrar que son unha banda que nunca defrauda. 

2.-/ Gatillazo – El Poder Del Metal

Un dos meus temas favoritos do ano, cheo de incómoda verdade que dá labazadas de realidade a quen as queira escoitar. Asubían no ar bombas pola tolerancia e os nosos rapaces disparando democracia...

3.-/Amon Amarth – First Kill

Os viquingos máis sanguinarios regaláronos First Kill, un tema incluído do seu disco conceptual Jomsviking. 

4./ VADER – Prayer To The God Of War

Nos meses previos  ao lanzamento do seu Lp  The Empire, Vader editou un Ep chamado Iron Times no que se incluía esta espectacular pregaria ao deus da guerra. 

5./ GOJIRA – Silvera

Magma foi o título do disco que Gojira editou en 2016, aínda que foi un disco que non me gustou moito, cómpre salientar Silvera como unha das mellores cancións do ano.

6./ MEGADETH – Dystopia

Dave Mustaine xa nos ten acostumados a facer sempre o que lle peta dentro do seu propio estilo trasher. Dystopia foi un disco regular, pero o tema que lle dá título paga a pena telo presente.

7./ Testament – The Pale King

The Brotherhood of the Snake foi para min o mellor disco de trash do ano. De todos os temas que se poderían seleccionar quedo con este The Pale King, que gaña con cada escoita.

8./Anthrax – Zero Tolerance

Malia que Evil Twin, foi o sinxelo de presentación elixido por Anthrax para For All Kings,  Zero Tolerance é sen dúbida o mellor tema do disco. Unha pequena xoia nun disco bastante frouxo.

9./Airbourne – Breaking Outta Hell

O Breaking Outta Hell de Airbourne foi un dos discos mais salientábeis do 2016, e o tema homónimo toda unha delicia. Veremos que tal soan en directo no Resurrection Fest do 2017.

10./THE DEAD DAISIES – FORTUNATE SON

A banda incluíu este espectacular cover do Fortunate Son da Velvet Underground no seu disco, e foi todo un acerto.

11./THE ROLLING STONES – Hate To See You Go

Unha das mellores novas do ano foi o lanzamento do novo disco dos Stones, cargado de blues da vella escola como demostra este Hate To See You Go. Dende logo os máis grandes non podían faltar.

12./MOTÖRHEAD – The Ace Of Spades

A finais de decembro do 2015 deixábanos o gran Lemmy, non sen antes legarnos un directo gravado que se editaría en 2016 como obra póstuma baixo o título de Clean Your Clock. Así que non hai mellor xeito de pechar o disco que co The Ace Of Spades, extraído de ese disco.

E até aquí o 2016, veremos que depara o 2017. Saúde e rock and roll!!