CRÍTICA DE CINEMA DAS SEXTAS FEIRAS

Doce soños, un melodrama irregular e predicíbel

Un fotograma do filme

DOCES SOÑOS

Fai bei sogni

(Italia 2016, 134 min.)

Dirección: Marco Bellocchio

Guión: Edoardo Albinati, Marco Bellocchio e Valia Santella

Fotografía: Daniele Cipri

Música: Carlo Crivelli

Elenco: Valerio Mastandrea, Bérénice Bejo, Guido Caprino, Emmanuelle Devos, Fabrizio Gifuni, Barbara Ronchi, Dario Dal Pero, Nicolò Cabras

 

SINOPSE

Massimo é un reputado periodista curtido na guerra de Sarajevo. De súpeto comeza a sufrir repentinos episodios de pánico e ansiedade. A doutora Elisa tratará de descifrar a orixe do seu tormento.

 

CRÍTICA

O septuaxenario cineasta Marco Bellocchio sempre estivo un pouco á sombra dos seus coetáneos Fellini, Antonioni ou Bertolucci, mais nunca deixou de facer cinema cun estilo propio caracterizado por un punto de vista político recorrente (de marxismo declarado) que conforma un calidoscopio moi interesante da historia do século XX. Entre outros, abordou o ascenso de Mussolini (Vincere), o secuestro de Aldo Moro (Bos días, noite) ou o levantamento antifascista italiano (Novas dunha violación en primeira páxina). Agora, tras medio século do seu debut, presenta Doces soños, o retrato dun periodista marcado por un trauma infantil relacionado coa perda da súa nai onde deixa un pouco de lado o cariz político para centrarse na procura da propia identidade. Trátase dun melodrama que nace a finais dos anos 60 e chega até a antesala do século XXI. Bellocchio aproveita para introducir de esguello a guerra de Bosnia e pasar de puntiñas pola corrupción política do país namentres introduce unhas cantas obsesións persoais entorno ao calcio (o Nápoles), as mulleres (sempre máis novas que os homes) e a música (Deep Purple, Rolling Stones). Supostos gustos persoais que quedan tal que parches autoimpostos e con pouco que aportar. Continúa fiel á recorrencia de introducir elementos surrealistas en contextos cotiás. Aquí faino con Belfegor, unha sorte de “demo bo” sacado dun serial dos anos 60, que axuda a Massimo (o protagonista) a superar a morte da nai. O guión está baseado no best-seller homónimo de Massimo Gramellini. Transita por tres idades de Massimo: infancia, adolescencia e madurez. O primeiro terzo é sen dúbida o máis destacábel. O abraiante Nicolò Cabras interpreta a un neno que está literalmente namorado da súa nai (Barbara Ronchi) mais todo se vén abaixo cando a perde. Extraordinario e unha verdadeira mágoa que non continuase con ese ton de realismo fantástico infantil... Moi prescindíbel o episodio adolescente e, en canto ao de idade adulta, resulta bastante irregular e descompensado, malia estar protagonizado por un taciturno e traumatizado Valerio Mastandrea (visto no Pasolini de Abel Ferrara), ideal para o papel. Nada que obxectar en canto á ambientación, fotografía e detalles de tintura neorrealista (como o das migas de pan sobre a mesa), mais adoece de falta de ritmo e un adecuado desenrolo de personaxes e as pertinentes caracterizacións, debido ao paso do tempo, ranxen bastante, por non dicir que son risíbeis... A presenza de Emmanuelle Devos (O tempo dos amantes) e Bérénice Bejo (The Artist) aportan un aliciente a un filme cuxo interese é inversamente proporcional á idade do protagonista. Doces soños xa pasara polo Cineuropa Compostela con máis pena que gloria, mais gustará aos amantes dos melodramas materno filiais á italiana, seguidores de Bellocchio e quen se deixe sorprender facilmente por finais predicíbeis.