CRÍTICA DE CINEMA DAS SEXTAS FEIRAS

Doctor Srange

Un fotograma do filme

Doctor Strange

(EUA 2016, 115 min.)

Dirección: Scott Derrickson

Guión: Jon Spaihts, Scott Derrickson e C. Robert Cargill

Fotografía: Ben Davis

Música: Michael Giacchino

Elenco: Benedict Cumberbatch, Chiwetel Ejiofor, Rachel McAdams, Mads Mikkelsen, Tilda Swinton, Benjamin Bratt, Benedict Wong, Michael Stuhlbarg, Scott Adkins, Mark Anthony Brighton, Zara Phythian, Alaa Safi, Linda Louise Duan

SINOPSE

Tras un accidente de coche a luxosa vida do cirurxián Stephen Strange cambia por completo. Ten as mans gravemente danadas e a medicina tradicional semella non funcionar así que recorre a uns monxes tibetanos no inhóspito Kamar-Taj. O que non sospeita é que está a piques de entrar nunha orde que loita contra as forzas escuras.

CRÍTICA

O misticismo e a maxia entran pola porta grande no Universo Marvel para darlle unha nova dimensión chea de posibilidades infinitas e, de paso, captar ese reduto máis sisudo de afeccionados a cómics que estaba aínda sen explotar. Que deixar de facer caixa, estando a Disney metida no allo, é algo que non se podía permitir... Ponse na pel do Doutor Estraño o británico Benedict Cumberbatch, un dos actores máis maleábeis e con proxección do panorama actual anglosaxón capaz de encarnar a Sherlock Holmes na famosa serie de éxito, optar ao Óscar dando vida a Alan Touring (The Imitation Game) ou poñer voz e xestualidade ao dragón Smaug (O hobbit) coa mesma paixón que se interpretara a Hamlet a pesar de vestir un mono gris cheo de marcadores de movemento para a captura dixital. Ese é Benedict Cumberbatch. Se Doutor Estrano aguanta o tipo é, en gran parte, grazas a el.

Doutor Estraño é un filme completamente desfrutábel que dá máis do esperado para unha obra destas características

Non é que que o filme sexa malo, nin moito menos, mais todos sabemos que a Marvel non se especializa en darlle moitas capas de profundidade ás personaxes da necesaria. Dá o que se espera e punto. E neste caso non defrauda. O doutor Strange é un afamado neurocirurxián que vive a todo trapo. Un día sofre un accidente e queda cas mans tolleitas. Como el é o mellor do mundo, e non se pode operar a si mesmo, marcha a un sitio do Tíbet onde din curar este tipo de doenzas. Alí topa coa Anciá -así, con maiúsculas- interpretada por Tilda Swinton (Constantine, Só os amantes sobreviven), unha monxe parente de Caillou e Crilín, que o adestra para que libere os chacras (en plan Yoda) e lle ensina a ver co terceiro ollo (en modo Morfeo). Obviamente hai uns malos malísimos tratando de destruír o universo, así que ao doutor Strange non lle queda outra que mudar o nome e pasar a chamar “Doutor Estraño” e así dar comezo, por fin, ao espectáculo... O danés Mads Mikkelsen (Casino Royale, A caza) encarna ao supervilán, inda que máis ben é un súbdito dun ser superior que devora mundos (!). Completan o reparto Rachel McAdams (O diario de Noa, Spotlight) na tensión sexual non resolta, Chiwetel “caradecircunstancias” Ejiofor (Serenity, 12 anos de escravitude) coma o máis avanzado discípulo da Anciá e Benedict Wong (Sunshine, Prometeus) como alivio cómico. Dirixe Scott Derrickson (Sinister, Ultimato á Terra) que se pon en “modo Nolan” para poñer patas arriba os edificios, darlles un bo meneo, e xogar co espazo tempo gravitacional. Un “modo Nolan” descafeinado, claro... Nótase que se pon ao servizo da produtora e tampouco ten moito marxe para crear, así que se limita a cubrir expediente e facer cumprir as pautas que lle marcaron os xefazos. Con todo, Doutor Estraño é un filme completamente desfrutábel que dá máis do esperado para unha obra destas características. Consegue darlle un bo vernizado ao cinema de superheroes introducindo elementos espirituais, fantásticos e pseudocientíficos que logran revivir un pouco o xénero. Cumpre destacar tamén a banda sonora do herdeiro de John Williams na franquía de Star Wars: Michael Giacchino, unha banda sonora notábel chea de chiscadelas e referencias veladas para os ouvidos máis afinados que ben paga a pena escoitar até que rematen os títulos de crédito. De feito, folga dicir que hai secuencia(s) sorpresa ao final de todo apuntando a que, para ben ou para mal, hai Multiverso Marvel para longo...