A Xunta sitúa o coordinador de Cultura do PP á fronte da histórica revista 'Dorna'

Daniel Chapela (á dereita), xunto con Alfonso Rueda nun congreso do PP galego. (Foto: Nós Diario)
Daniel Chapela asume a dirección da revista literaria entre as críticas dunha parte do actual consello de redacción.

A  Xunta da Galiza vén de substituír o director da revista Dorna, Expresión Poética Galega, Ramón Lorenzo, polo actual coordinador do PP de Cultura, Daniel Chapela, designado por Alfonso Rueda despois de asumir a presidencia do partido na Galiza.

Chapela, natural de Bueu e responsábel da área de cultura no organigrama do PP, asume a dirección da publicación, que Lorenzo ocupou durante case dez anos. A revista está ligada ao departamento de Filoloxía Galega da Universidade de Santiago (USC) e depende directamente da Cátedra de Lingüística e Literatura Galega. Ademais, conta co sustento económico da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta.

Neste sentido, Nós Diario tivo acceso a unha carta na que varias persoas integrantes do consello de redacción mostran o seu rexeitamento ao nomeamento de Chapela como novo director de Dorna e anuncian a súa saída “desta revista referencial e querida”.

“Na xornada de onte, 10 de outubro, fomos coñecedores de que se efectuou un cambio de director" do que non foran "informados" con anterioridade, salientan na súa carta.

Cambios no consello de redacción

O escrito prosegue e os autores explican que o propio Daniel Chapela lles comunicou que “este relevo virá tamén acompañado de novas incorporacións ao consello de redacción”, escollidas pola Xunta.

“A pesar de sermos convidados a continuar facendo parte da revista, entendemos que o noso ciclo aquí chegou á súa fin”, manifestan os xa ex integrantes do consello de redacción da revista literaria.

Estes conclúen a súa carta cargando contra a nova dirección de Dorna e contra o Goberno galego, xa que aseguran “non poder compartir nin o proceder das partes implicadas, nin o trato recibido a respecto desta mudanza”.

Fontes consultadas por Nós Diario denuncian que, “aínda que están comezando a dimitir autoras e autores, a realidade é que [a Xunta] ten a dirección e unha nova redacción”.