CRÍTICA DE ROCK E OUTRAS LERIAS

Doro: Strong and Proud. 30 anos de rock e metal

Botando a vista atrás, non sei o día que Doro formou parte da miña vida musical. Xa dende aqueles lonxanos Hellbound e Burning the Witches acompañoume non só poñendo banda sonora a miña historia, senón que tamén, debo recoñecelo, coas fotos súas xunto con outros grandes do metal da época decorando as carpetas escolares. Nunha época no que o heavy parecía ser só cousa de homes, agás algunhas excepcións como Lita Ford, as Vixen ou máis adiante Angel Gossow, descubrir Doro Pesch ao fronte de Warlock fora todo un fito.

Strong and Proud, 30 anos de rock en metal non é nin máis nin menos que historia de Doro, dende Warlock até hoxe. 14 temas nos que conta coa colaboración de xente como Blaze Bayley (ex Iron Maiden, Wolfsbane) ou Udo Dirkschneider (Accept, U.D.O.) e que demostra porque segue a ser a raíña do Heavy Metal.  Dende que arranca o disco con On the run, transmite esa forza que en directo ten Doro,  para pasar a Save My Soul, no que a súa interpretación e capaz de desgarrarche o peito e chegar até o máis profundo.

O ritmo mantense alto con Rise Your Fist para desembocar en Fear Of The Dark, unha versión do clásico de Iron Maiden coa colaboración de Blaze Bayley, o que xa indica que estamos ante a parte máis metaleira do disco, cousa que confirman Revenge e o clásico de Earthshaker Rock co que chega o momento de pisar o freo coa fermosa Without you, no que Doro cambia de rexistro para transmitir toda a tristura da canción.

O rock volve con Rock Till Death no que conta coa colaboración de Hansi Kürsch, de Blind Guardian, para seguir xunto a Chris Caffery (Savatage) á guitarra con Egypt –The Chains Are On, unha versión do falecido Ronnie James Dio a quen lle adica o seguinte tema Für Immer, sendo un dos momentos mais emotivos da noite, xa que non só ela recoñece que Dio foi o seu heroe, senón que a súa morte foi o que lle fixo volver ao traballo musical.  

Tanto emotividade rompe con un pouco de metal da vella escola, como ela mesmo di, cando soa o Hellbound, do segundo disco de Warlock¸ executado coa mesma forza quen en 1985. Para seguir coa versión do clásico de 1983 de Accept,  Balls To The Wall, no que colabora o propio Udo.  O álbum vai chegando ao seu fin e intúese coa interpretación de You’re My Family que será a que prepare o camiño á apoteose final, que non é outro que ese himno que todos os metalheads sentimos como noso: All we are. Máis de 9 minutos onde a comuñón entre o pobo metaleiro e a súa raíña anovaron unha vez máis os seus votos de metal.

O único negativo deste disco é que non conten os 38 temas da edición blu ray, incluíndo o mítico concerto no Wacken Open Air ante 85.000 persoas. Deste disco converteuse dende xa nun imprescindible nas discotecas de tódolos amantes do metal clásico e deixa unha mensaxe clara: 30 anos só é o comezo, por que todo o que somos é todo o que precisamos. 

Listaxe de temas

1.On The Run

2. Save My Soul

3. Raise Your Fist

4. Fear Of The Dark

5. Revenge

6. Earthshaker Rock

7. Without You

8. Rock Till Death

9. Egypt

10. Für Immer

11. Hellbound

12. Balls To The Wall

13. You’re My Family

14. All We Are

 

DORO NAS REDES

Web: http://www.doromusic.de/

Facebook: https://www.facebook.com/DoroPeschOfficial

Twitter: @doroofficial