A dramaturxia visual na ópera, a debate

A soprano Adriana Aranda durante unha actuación, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Adriana Aranda)
A Fundación Luis Seoane acolle unha nova entrega do ciclo A_nexos.

A Asociación Cultural Aïs inaugura o novo ano coa reapertura do seu ciclo A_nexos, que nesta sexta edición propón dous novos encontros nos que a dramaturxia e a ópera se ven as caras. Da man da doutora en musicoloxía pola Universidade Autónoma de Barcelona e especialista en música dos séculos XIX, XX e XXI, Rosa María Fernández, e da soprano Adriana Aranda, quedará aberto o debate sobre “Dramaturxias visuais na ópera contemporánea”. A cita cultural decorrerá nas instalacións da Fundación Luis Seoane na Coruña.

O proxecto, que segue baixo a coordinación e dirección do compositor Hugo Gómez-Chao, seguirá a afondar neste 2022 na confluencia que existe entre a música e a arte. Malia que en xaneiro haberá dous encontros, o día 8 o público poderá escoitar as reflexións de Fernández e Aranda. Ademais, tamén haberá un pequeno concerto. 

De feito, a agrupación que promove este encontro destaca que é “unha oportunidade magnífica para escoitar a musicóloga e a soprano nunha charla coloquio, con música en directo, na que abordarán as confluencias entre a música, a escenografía e as artes visuais". Co obxectivo de atraer o público, destácanse as traxectorias profesionais de ambas as convidadas. 

No caso de Rosa María Fernández sublíñase o seu posto como académica por Santiago da Real Academia Catalá de Belas Artes.

Ademais, realizou varias estadías como investigadora na Facultade de Musicoloxía da Sorbona (Francia) e tamén na Universidade de Milán (Italia). 

Alías forma parte do Centro de Estudos para a Seguridade e a Defensa da USC e do Grupo Académico de Investigación de Crise Internacionais do Cisde, una faceta moi importante no seu labor musicolóxico, xa que tratou de levar os procedementos propios da análise de intelixencia ás categorías da música.

Pola súa parte, Aranda formouse en canto no Conservatori Superior de Música do Liceu, en Catalunya, e tivo como mestras e mestres a Dolors Aldea, Francisco Poyato, Elena Copons, Cindee Sanner e Ulrich Eisenlohr, entre outros.

A cita será o 8 de xaneiro ás 19 horas e a entrada é de balde pero é necesario reservar praza pola limitación de espazo. A próxima convocatoria dentro desta temática decorrerá o 15 de xaneiro.