MÁIS

Dúas bestas a prol do rural

A Parada das Bestas é unha casa de labranza rehabilitada por María e Suso (á dereita) en Pidre (A Ulloa). (Foto: A Parada das Bestas)
Perderse entre a natureza de Palas de Rei con Suso e María. 

A tan só tres etapas de alcanzar a fin do Camiño atópase a Parada das Bestas, un restaurante e casa rural na aldea de Pidre, en Palas de Rei (A Ulloa). Suso Santiso e María Varela están aos mandos deste negocio que pon en valor a riqueza do rural e que aposta pola desconexión nunha contorna idílica no corazón da Galiza. 

Varela e Santiso comezaron o seu propio camiño en 1992, cando adquiriron unha antiga casa de labranza do século XVIII. Pasaron varios anos rodeados de reformas e ampliacións, ao tempo que se dedicaban á cría de cabalos, actividade da que provén o nome do seu estabelecemento. Cinco anos despois, abriron definitivamente súa casa rural.

Refuxiarse no rural de Palas de Rei coa compaña das bestas

A Parada das Bestas ten a súa sede central na Casa Vilasante, antiga vivenda de labradores reconvertida nun aloxamento rural. Posúe dez habitacións dobres, con cama de matrimonio ou individuais, con baño propio e todas as necesidades cubertas, mais sen perder a esencia rústica da vivenda. Dentro da parcela de 4,5 hectáreas atópanse tamén os apartamentos privados. Son catro casas independentes de 50 metros cadrados cada unha e con espazo para catro persoas. Dispoñen tamén de aseo e cociña totalmente equipada. En relación ao restaurante, Suso e María apostan polo produto galego de calidade e proximidade. Buscan ofertar menús con pratos típicos e empregando materias primas de tempada. Varela está nos fogóns da Parada das Bestas, espazo no que prepara excelentes manxares que conforman a gastronomía da Galiza ligada ao Camiño de Santiago. Un dos seus pratos estrela é o capón de Pidre ao estilo dos peregrinos, empregando na receita galo da casa e verduras da súa horta ecolóxica ou dos pequenos produtores da contorna.

Desde a Parada das Bestas ofrecen un amplo catálogo de actividades e excursións para coñecer A Ulloa. Non faltan no seu programa visitas gastronómicas a produtores queixeiros e leiteiros e as rutas de sendeirismo ou a cabalo atravesando Palas de Rei.

O castelo de Pambre dos señores de Ulloa

Segundo os libros de historia, construíuse no século XIV por orde de Gonzalo Ozores de Ulloa, aínda que o saber popular conta que foi obra dunha persoa experta nas artes máxicas que fixo nacer ao castelo dunha rocha. Foi unha das poucas edificacións que sobreviviu aos ataques da Revolta Irmandiña. 

Na actualidade, o castelo e os seus terreos atópanse rehabilitados e permítese a visita ao seu interior desde 2016. Pambre acolle diversas coleccións e exposicións sobre a Galiza do Medievo, como os gremios principais da época e os señores do castelo, ou a relación entre a Ulloa e o camiño Francés

Con selo da Galiza

Actualmente o Arzúa-Ulloa é o queixo con denominación de orixe de maior produción no país. A súa base é o leite de rubia galega, caracterizándose por un sabor suave, lixeiramente salgado, e un recendo únicos. É cremoso, cuberto cunha codia fina e elástica que protexe un interior amarelo de gran brillo.

A celulosa invasora

 Suso e María súmanse á veciñanza en contra da celulosa Altri. Afirman que sería unha bomba no corazón da Galiza que remataría coa riqueza paisaxística e natural. A empresa portuguesa busca destruír aos pequenos produtores que apostaron por revalorizar a vida e industria no rural.