CRÍTICA DE CINEMA DAS SEXTAS FEIRAS

Eddie The Eagle, unha historia de superación e de perdedores

Un fotograma do filme

Eddie the Eagle
(Reino Unido 2016, 106 min.)
Dirección: Dexter Fletcher
Guión: Simon Kelton e Sean Macaulay
Fotografía: George Richmond
Música: Matthew Margeson    
Elenco: Taron Egerton, Hugh Jackman, Jo Hartley, Keith Allen, Tim McInnerny, Edvin Endre, Mark Benton, Jim Broadbent, Christopher Walken, Iris Berben, Rune Temte, Ania Sowinski

SINOPSE
Eddie Edwards é un solitario rapaz obsesionado con ir de maior aos Xogos Olímpicos. Provir dunha familia humilde, sen recursos e a falta de apoio institucional non será impedimento para que entre a formar parte da equipa de saltos de esquí nas Olimpíadas de Inverno de Calgary ‘88.

CRÍTICA
Non sei vostedes, pero a min persoalmente os saltos de esquí me retrotraen de inmediato á un período de tempo moi concreto da miña infancia; a un intre concreto para ser máis exactos: as comidas familiares de primeiro de ano na casa dos meus avós. Naquelas tempos viñan tamén os primos e quedabamos todos abraiados mirando aqueles brutais saltos na neve. Tamén é certo que, pecando de inconsciencia infantil, partíamos de risa cando se daban un trompazo na neve. Animaliños, pero que tempos!... En fin, Eddie o Aguia trata da inspiradora historia de superación de Michael Eddie Edwards, o primeiro saltador de esquí (desde 1929) en representar a Gran Bretaña nuns Xogos Olímpicos de Inverno, concretamente en Calgary ’88. Inda que moitas das escenas están ben documentadas, non se trata dun biopic ao uso senón dunha comedia de altos voos que descansa nun milimétrico guión que funciona coma un reloxo. Tampouco é a típica historia de superación onde o protagonista se volve un mestre na materia, a cousa vai máis na liña do perdedor que, grazas á súa tenacidade e decisión, acada o seu soño...

Taron Egerton (Kingsman) interpreta a este perdedor, un rapaz de familia humilde, con nulo éxito social e que tivo que levar próteses nas pernas toda a infancia

Taron Egerton (Kingsman) interpreta a este perdedor, un rapaz de familia humilde, con nulo éxito social e que tivo que levar próteses nas pernas toda a infancia, quizais por iso conta cunha extraordinaria forza de vontade que o leva a non desistir endexamais. Méteselle nos miolos que quere representar ao seu país nos vindeiros Xogos Olímpicos mais, ao non ter nin idea da técnica de salto, procura dun mentor que lle ensine. Aquí é onde entra en escena Hugh Jackman (Lobeto) metido no rol dun ex-saltador de esquí fracasado que se fai cargo de Eddie para que asimile todo o que hai que saber sobre esta arriscada disciplina. Outros caretos coñecidos, en papeis minúsculos, pero moi importantes, son o do sempre solvente Jim Broadbent (Moulin Rouge) e mailo do impagábel Christopher Walken (O cazador). Dirixe Dexter Fletcher (Amence en Edimburgo) e produce por Matthew Vaugh (Kick-Ass), unión de talentos que dá lugar a unha sorprendente fell-good movie de perdedores na que ben poderíamos incluír á equipa de bobsleigh xamaicano que participou tamén nos Xogos de Calgary, historia xa adaptada na comedia Elixidos para o triunfo (1993, Jon Turteltaub), ou a peripecia máis recente de Eric “a Anguía” Moussambani, aquel nadador guineano dos Xogos de Sidney que pulverizou todos os récords ao obter a peor marca olímpica da historia en 100 metros libres. Todos eles foron grandes perdedores que acapararon o foco dos medios máis unha (fugaz) fama mundial que os levous inclusive a asinar suntuosos contratos publicitarios. Eddie o Aguia está ambientada nos 80 así que tira de nostalxia a base de sintetizadores e dunha banda sonora que vai desde Van Halen a Thin Lizzy, pasando por Frankie Goes to Hollywood ou Deacon Blue. Os oitenta a tope! Historia entusiasta que fará rir, chorar e sentir certo grado de incredulidade sobre estes “supostos” feitos reais. Aposto o que queiran a que acaban mirando na wikipedia para comprobar se son certas as fazañas deste simpático deportista.