Para a cativada

As eiras do Couto, en Ponteceso, énchense de cultura no Festiletras

Festiletras
O evento adiado en maio ten lugar esta semana

O Festiletras, cita organizada cada ano pola Fundación Eduardo Pondal como evento que arrodea o Día das Letras Galegas, tivo que agardar, mais finalmente verémolo transcorrer nunha versión adaptada ao momento actual en capacidades e distancias. Será o Esencia Festiletras, un evento dirixido a escolares que deu comezo esta semana na aldea do Couto (Ponteceso) coas súas habituais actividades formativas, lúdicas e artísticas.

Múltiples actividades

Entre elas destaca a divulgación científica que deu a saída co Festiciencia, espazo que chega da man de David Ballesteros, Xurxo Mariño e Ángel Carracedo. Tamén pasarán por este formato "esencial" Xurxo Souto, Os Quinquilláns, Yolanda Castaño, Elena Ferro, Luis Davila ou Vero Rilo. As eiras serán as localizacións encargadas de acoller as diferentes pílulas da programación en formato reducido.

Cara á fin de semana dous concertos porán o ramo a esta accidentada pero finalmente posíbel edición. Sés actuará o sábado 5 de setembro, mentres que o domingo será a quenda das Adufeiras do Salitre e Xabier Díaz, ambos os concertos ás 18 horas e cun prezo de 6 euros, aínda que para o segundo os billetes están xa esgotados.

Premios

Xabier Díaz ademais recibirá ademais o Premio Bo e Xeneroso que outorga a Fundación Eduardo Pondal. Para alén do máis, a artista de Vimianzo Irma Macías (actual vocalista de Luar na Lubre) recibirá da man da regueifeira Lupe Blanco o galardón Literata, entregado xunto ao anterior recoñecemento o domingo.

As rúas do Couto rexistrarán  ademais a pegada deste Festiletras logo do evento, pois Luis Davila agasallará a vila cun mural da súa autoría e, por outra banda, colgaranse placas de barro de Buño elaboradas por Carmen Isabel Labrador nos espazos públicos.