Elena Ferro: “A receita para facer dos zocos un calzado moderno? A paixón polo oficio”

Elena Ferro

Con Elena Ferro os zocos tornáronse modernos. Filla e neta de zoqueiros, continuou elaborando calzado artesanal de sola de madeira mais pintouno a cores, púxolles pel de cebra, veludo nos cordóns ou pintas de xoaniña e revolucionou o oficio de tres xeracións dos Ferro. Non por iso a familia deixou de facer zocos como os de toda a vida e levalos ás feiras. Di que lle deben un respecto a quen os continúa mercando para ir ao campo no inverno e saír del cos pés enxoitos. 

Cal é a receita para facer dos zocos un calzado moderno?

Non o sei! O único que aporto é a ilusión e o gusto polo que fago. Cando ves que algo falla e queres seguir, a única solución é renovarse e actualizarse. Non sei cal é a receita mais a paixón, o esforzo e o traballo poden ser as chaves. 

-A sola ríxida de madeira pode parecer de difícil andar. Deféndame a comodidade dos zocos. 

Hai que probalos. Non a todo o mundo lle resulta igual. Eu, por exemplo, non son quen de usar zapatos de tacón. Un 80 ou 85% das persoas que os proban quedan convencidas. Temos diferentes alturas e anchos e tamén traballamos a medida para que se adapten a cada pé. 

-Vostede usa zocos?

Uso mais son máis de inverno. No inverno dá moito gusto andar cos zocos. 

-Serán garantía de que a auga non entra...

Claro! A auga non pasa e illan do frío e a humidade. A madeira e o coiro eran os materiais máis próximos para protexer do mal tempo.  

-A xente maior lembraba cando mercara os primeiros zapatos. Agora moita xente presume dos seus zocos. 

Os zocos e o pan de boroa eran símbolos de pobreza. Lembro de pequena que meu pai, que é un gran sabio e resume moi ben as cousas, cando alguén facía o comentario despectivo dos zocos contestaba que canto ben fixeran, que había que agradecerlle aos zocos que libraran de andar descalzos. Era o calzado da xente do campo. 

-Eses eran os zocos que comezou a facer o seu avó. Como levan na familia a súa “modernización”?

Comezou meu avó e continuou meu pai e a miña tía Agripina. Eu estiven desde pequena no taller. Levo toda a vida no oficio, non só con zocos senón tamén facendo carteiras e outros produtos, que é a clave para sobrevivir. Todo foi progresivo, pouco a pouco. Eu cheguei primeira e logo veu miña irmá traballar. Miña nai coidaba vacas mais o leite comezou a ir mal e vendeunas e tamén entrou no taller. Tamén a miña outra irmá se sumou. Non temos grandes pretensións mais queremos continuar nun traballo que nos gusta e ter calidade de vida no taller. 

-Como foi cando viron que quería quedar no oficio e comezou a facer zocos de cores ou de pel de cebra?

Teño moito que agradecer a toda a miña familia. A meu pai por me deixar facer sempre o que quixen. Sempre me animaron a experimentar cousas novas. O bo de vender nas feiras é que sabes en directo se os produtos gustan ou non gustan. Tamén nos axuda que se puxeran de moda, a verdade. Nos oitenta, meu pai pensou pechar e nunca imaxinou que se lle puidese dar unha volta e que as tres irmáns acabaramos traballando aquí. Failles ilusión que non se perdera o taller e para eles é moi gratificante. 

-Como se lle ocorreu facer un zoco dourado?

Fixémolo polo Nadal. Son como de festa, que tamén os zocos poden ser para un día especial. A raíz diso fixemos un trofeo cos zocos dourados. 

-Rosas, azuis, de xoaniña, dourados, de pel de cebra, con lazos de veludo... cal zoco é o que máis gusta?

Pois o de cebra foi dos modelos máis vendidos. Tratamos de que estean ao alcance de todo o mundo mais ás veces, as peles, como as de pelo, aumentan un pouco. O que fixemos foi facer outros só coa punteira de cebra e a traseira de cor negra. O de leopardo tamén o vendemos moito e a gama de pelo vai moi ben. As peles gravadas, as que imitan serpes ou crocodilos están tamén arrincando.

-E o de xoaniña, que foi premiado?

Facémolo só por encargo. Dos que vendemos nas feiras o que máis aceptación ten é un azul moi chamativo. Gusta moitísimo. Temos arredor de quince modelos mais non podes ter todos en todos os tamaños. Non se dá feito a numeración así que a xente que queira pode facer o modelo que prefira por encargo. Tamén hai quen decide como quere que lle fagamos o zoco!

-Estamos a falar de calzado artesanal. Canto tempo leva facer un par de zocos?

Cinco ou seis horas, o que pasa é que facemos varios ao tempo. Aos zocos tradicionais case non lle tiramos ganancia mais continuamos a facelos por respecto á xente do campo, que sigue usando e continúa mercando en feiras como a de Monterroso ou Lalín. 

-Como no tempo do seu avó, por que continúa vendendo maiormente en feiras?

É o que nos dá de comer. Tamén vendemos nalgunhas tendas mais o bo da feira é que vas e traes os cartos para casa. De abril a outubro non paras mais grazas a iso vivimos e podemos ter un taller cómodo no que traballar. Ademais de artesáns, somos feirantes. 

-Zocos que se ven en Milán e Monterroso...

E custan o mesmo en todas partes.

-O de modelos de tempada e prezos de rebaixas non vai con vostede, non? 

Pois non. Os zocos non pasan de moda. Os de cebra, poño por caso, séguense vendendo e son de hai tres ou catro anos. Tampouco temos rebaixas. Os prezos son fixos.