Emma Ríos e David Rubín entre as firmas convidadas de Viñetas 2024

A 'rúa da BD', instalada nos xardíns de Méndez Núñez, nunha edición anterior do encontro.
No programa da Rúa da BD haberá firmas con cun total de 73 autoras e autores.

A cara comercial de Viñetas desde o Atlántico 2024, a xa clásica Rúa da BD, reunirá do 12 ao 18 de agosto, nos Xardíns de Méndez Núñez da Coruña, as firmas máis destacadas do sector da banda deseñada a nivel galego, estatal e internacional. Deste xeito, figuras de renome como Artur Laperla, Paula Cheshire, Miguel Robledo, Bea Lema, Martín Romero, Miguel Fernández, Fran Jaraba, Jordi Bayarri, Emma Ríos e David Rubín, entre moitas outras, visitarán a cidade herculina para participar no Viñetas, coñecer aos seus seguidores e firmar exemplares das súas obras.

Nesta 27ª edición do Salón Internacional do Cómic da Coruña, a Rúa da BD mantén a súa esencia coa participación de editoras e librarías especializadas en banda deseñada procedentes de todo o territorio estatal. Entre as novidades, cómpre destacar que este ano se abre, tamén, unha porta a Portugal coa participación da editora Chili Com Carne, de Lisboa.

Viñetas desde o Atlántico quere dar un paso adiante cara á especialización da feira, centrando a súa Rúa da BD en librarías especializadas en banda deseñada galegas, con preferencia ás coruñesas, e ampliando o número de editores especializados de todo o Estado, cun total de 36 expositores: 23 editoriais (entre elas, por primeira vez, unha de Portugal), 10 librarías, 2 asociacións profesionais -AGPI e Autobán- e as Bibliotecas Municipais da Coruña.

No programa da Rúa da BD haberá firmas con cun total de 73 autoras e autores, ademais de 4 obradoiros, 12 presentacións de cómics, 7 faladoiros e 2 espectáculos: Pedras de Cartón presentará a súa obra Moby Dick e Chuches Amil ofrecerá un concerto para toda a familia.

Na Rúa da BD destacarán, tamén, fitos como a celebración do 45º aniversario do nacemento de El Víbora, a emisión do Canal de YouTube Recuncho Gamer ou unha sesión de videoxogos e outra de demostración de xogos de cartas, todos eles abertos ao público.

Autoras que asinarán exemplares

Abel Álvarez, Adrián Suárez Mouriño, Afra Torrado, Alba López Paredes, Alberto Carceller, Alex Martos, Alexandre Senande, Alicia Jaraba, Alicia Martín Santos, Álvaro Ortiz, Ana Moreiras, Anabel Colazo, Andrés Garrido, Artur Laperla, Bea Gregores, Bea Lema, Bernal Prieto, Bruno López (erre), César Verdúguez, Clara Patiño Bueno, David Braña, David Rubín, Delio Rodríguez Ces, Diego Ameixeiras, Diego Burdío, Doc Pastor, Elena Andrés, Emma Ríos, Fermin Muguruza, Fran Jaraba, Frankman Román, Genie Espinosa, Iria Aldegunde, Iván Gil, Iván Sarnago, Jordi Bayarri, Jorge Campos, José Ángel Ares, José Malvárez Carleos, Juanfer Briones, Kundo Krunch, Lola Garcerá, Lorena Varea, Lucas Varela, Lucía Cid, Manel Cráneo, Manuel L. Poy, Manuel Veiga, Marc Torices, Marcello Quintanilha, María Brenn, María Jiménez , Mariano Casas, Marina Sáez, Martín Romero, Miguel Fernández, Miguel Robledo, Pablo Prado, Paula Cheshire, Paula Esteban, Pedro F. Medina, Pío Barreiro, Primitivo Marcos, Rafael Jiménez, Susanna Martín, Tomás Guerrero, Víctor L. Pinel, Weronika Hańczyc, Xavier Queipo, Xavier Alcalá, Xulia Pisón, Xulia Vicente, Yeyei Gómez.