Entrevista ao pintor Nolo Suárez

"Hai que primar máis as ensinanzas das artes"

Cadro de Nolo Suárez en homenaxe a Uxío Novoneyra no 85 aniversario do seu nacimento.

Reproducimos a seguir a entrevista de Ramiro Torres ao pintor Nolo Suárez, no marco da parcería entre Sermos e a publicación dixital Palavra Comum.

-Que é para ti a(s) arte(s)?

-Para min a arte é un medio de expresión e comunicación, aprendizaxe e realización da persoa como ser humano sensible ao que acontece ao seu arredor, que logo reflicte no seu quefacer creativo, mais tamén é a mostra de sensacións, impresións, vivencias e reflexións sobre diversos aspectos da vida mesma, da sociedade en que vivimos.

-Como entendes (e levas a cabo, no teu caso) o processo de criação cultural e artística?

-No meu proceso de creación interveñen varios factores, dende elementos que quedan na memoria, feitos que acontecen ao meu arredor, noticias que me impactan, polo tanto elementos que podemos dicir externos, e logo combinados con reflexións e ideas que proveñen do pensamento, do máis interior, xunto con composicións, fragmentacións, a utilización de diversos materiais, tanto pictóricos como extrapictóricos, que van facendo pouco a pouco, durante as distintas fases do proceso creativo aberto a cambios e a novas incorporacións, unha obra máis expresiva e rica en matices diversos.

-Qual consideras que é a relação -ou qual deveria ser- entre as artes e outras manifestações da cultura (literatura, fotografia, etc.)? Que experiências tens neste sentido?

-Pois paréceme moi interesantes as diversas relacións das artes, combinadas e interrelacionadas, para complementarse en ocasións, e para establecer diálogos abertos, tecer relacións e complicidades. Teño participado ilustrando con debuxos e pinturas algúns libros de poesía, e tamén feito exposicións con papeis e libros intervidos, así como nalgunha exposición, establecendo relacións entre a pintura e a música, incorporando pinturas sobre instrumentos musicais e incorporando partituras. Tamén nalgunhas das miñas obras, utilizo fotografías da miña autoría ou sacadas da prensa ou de internet, que logo retoco pictoricamente, compoño e integro no mesmo cadro.

Tamén agora, como xa apenas se fan catálogos en papel para as exposicións, aínda que estas sexan en espazos públicos, gosto de facer catálogos dixitais das miñas exposicións, o que me permite combinar reproducións dos cadros, con algúns textos poéticos e escritos meus e, ás veces, de compañeiros-as.

-Que referentes e influências tens no teu trabalho criativo -e em geral-?

-Pois é difícil sintetizar, dende logo os grandes mestres, Picasso, Miró, Tapies, Lucio Muñoz, Ráfols Casamada. Nos galegos, Maside, Luís Seoane, Díaz Pardo, Maruxa Mallo, Leopoldo Nóvoa, ata autores de hoxe, algúns da xeración Atlántica. Tamén Broto, Barceló, Sicilia, Carmen Calvo, entre outros-as.

-Que caminhos entendes que seria interessante transitar nas artes, nomeadamente na comunicação com o público e a sociedade?

-O primeiro primar máis as ensinanzas das artes, para ir fomentando dende moi novos o interese e a práctica das artes plásticas. Logo, dinamizar moito máis o tema das exposicións artísticas, con actividades complementarias, recitais de poesía, presentación de libros, actuacións musicais, etc. E tamén levar máis a arte a novos espazos, como as rúas, prazas, espazos públicos, etc., para que non só estean as artes nas Galerías e Salas de exposicións.

-Que vínculos existem, para ti, entre Arte(s) e Vida?

-Para min as artes forman parte da vida dos seres humanos. Por iso a arte existe dende os primeiros poboadores, coas pinturas nas covas, sobre escenas da vida que tiñan eles. Hoxe en día, hai moitas e moi diversas manifestacións artísticas, pero todas teñen que ver algo co que pasa na nosa sociedade, co que lle pasa ás persoas, o entorno, as reflexións sobre estes temas ligados á propia vida e á existencia humana.

No caso particular do meu traballo pictórico, doulle importancia a ese vínculo, xa que eu traballo bastante sobre distintos aspectos dos catro elementos da vida, isto é: a terra-paisaxe, as augas, a luz-lume, e o ar.

-Como seria a tua Galiza (e o mundo) imaginária? E como consideras que seria possível chegar a essa situação?

-Pois en relación á cultura e a arte, que tivésemos unha situación normalizada, que a arte e a cultura estivesen mais presentes na vida cotiá, que tivesen máis apoios das distintas administracións, que as persoas que traballan na arte e na cultura puidesen vivir normalmente do seu traballo, e non como na actualidade, de forma precaria, e na maioría dos casos traballando noutras cousas, que en moitos casos, non teñen que ver coa arte e cultura. Que houbese máis eventos e encontros entre os distintos partícipes da arte e a cultura, os grupos, as asociacións, as industrias culturais, fortalecendo, pois, o tecido cultural e artístico do noso País.

Para chegar a esta situación, hai que cambiar as políticas culturais actuais, de gobernos conservadores, polo tanto cambiar de goberno, que só pensan no momento (cando se achegan eleccións), en grandes eventos, ou en grandes contedores (como a Cidade da Cultura), en políticas de amiguismos e clientelares, e non pensan na maioría dos creadores do noso País, nin nas propostas que fan colectivos, ou asociacións do ramo, xa que non as impulsan nin desenvolven, e moitas propostas non se poden levar adiante por falta de apoios e de medios. Tamén faltan política de intercambios culturais normalizados con outras nacionalidades históricas e Países, para mostrar a nosa riqueza cultural e artística, a carón das creacións de outros lugares.

-Que projetos tens e quais gostarias chegar a desenvolver?

-Este ano resulta que teño varias exposicións, cousa que non acontece noutros anos. Xa fixen unha en Compostela, “TEMPOS CAMBIANTES”, no Centro Cultural Aurelio Aguirre de Conxo. Agora estou expoñendo “ESPAZOS ACUÁTICOS”, na Galería Arte Imagen da Coruña, e, a mediados de Xuño, teño a exposición “ACHEGAMENTOS AS AUGAS”, no Liceo de Noia. Aparte tamén sempre participo nalgunhas exposicións colectivas e tamén noutras de Mail Art.

Evidentemente, gustaríame poder facer unha grande exposición, con obras de formato grande, e tamén con algunha montaxe (que case nunca fago por falta de espazo expositivo conveniente para iso e falta de certos medios), e con algunha intervención no propio espazo expositivo, seguindo as novas correntes pictóricas (nas que participo), da pintura expandida. Para iso tería que ser nalgún espazo expositivo dalgunha institución pública ou fundación.

Nota de Sermos: reproducimos a entrevista tal e como apareceu en Palavra Comum e, portanto, respeitamos a dupla opción ortográfica en que se transcrebe a conversa (a norma internacional da nosa lingua nas perguntas e o padrón da RAG nas respostas).

As imaxes que acompañan a entrevista están tiradas do FB de Nolo Suárez.