Os entroidos de Viana do Bolo e Vilariño de Conso reciben un premio estatal de tradicións populares

Mascarada Ibérica 2016. Foto:@unpaseounafoto

Os tradicionais entroidos de Viana do Bolo e Vilariño de Conso recibiron o recoñecemento da Sociedad Española de Antropología y Tradiciones Populares, unha sociedade de afeccionados á antropoloxía presidida por Ramos Perera.

Viana do Bolo e Vilariño de Conso recibiron un recoñecemento conxunto, relativo á mascarada ibérica do seu entroido no que son protagonistas os boteiros, fulións e carrozas. Os festexos tradicionais das localidades ourensás chamaron a atención desta sociedade que tamén entregou diplomas de honra a Comisión do entroido 2016, de Viana do Bolo e a Asociación Cultural Xuntos polo Entroido, de Vilariño de Conso.

Desde o concello bolés móstranse congratulados: “Este é un premio para todas as veciñas e veciños de Viana do Bolo, para un pobo que leva no sangue o entroido e, especialmente, para os Fulións que ano tras ano reviven esta tradición tan nosa”. En declaracións a Sermos, O alcalde, o nacionalista Secundino Fernández (BNG), valorou este premio "moi positivamente" e puxo en destaque que "é un premio que no 2013,14 e 15 quedou deserto".