A escola galega de banda deseñada comeza o curso do que sairá a súa décima promoción

Aulas en O Garaxe Hermético con Kiko Dasilva. (Foto: Nós Diario)
“O Garaxe Hermético” leva doce anos aberto en Pontevedra cun plan de estudos exclusivo que, a través de tres cursos de formación, pretende preparar o alumnado para que poida dedicarse profesionalmente á creación de cómic, tras aprender a presentar proxectos viábeis e que lles resulten atractivos ás editoriais. Contar con esta formación, defende Kiko Dasilva, mudou o panorama editorial galego.

A única escola de banda deseñada que existe na Galiza acaba de pór en marcha o curso do que sairá a súa décima promoción, logo de doce anos de andadura en Pontevedra. Di o seu director, o debuxante Kiko Dasilva, que cando descorreu a pechadura “O Garaxe Hermético” tiña moito de utopía, e porén, doce anos despois xa se cumpriron moitos dos seus obxectivos. O primeiro, que o alumnado publicase non só en Retranca, o selo editorial que el mesmo puxo en marcha, ou con institucións como o Concello de Pontevedra, o de Vigo, ou a deputación provincial que, até o cambio de goberno, mantiña varias liñas de colaboración abertas coa escola: Tamén o fan con editoriais comerciais. De feito, con todas as galegas que publican cómic. E non só. Tamén houbo obra de O Garaxe en castelán ou en valenciano. Van alá máis de setenta títulos, incluídos os dos cinco premios que levan o nome da escola e que son editados por Xerais: “Somos a única escola en Europa que ten un premio que posibilita a existencia dunha colección co seu nome, e iso non só fai que se coñeza o alumnado senón tamén entrar da man de Xerais nos centros de ensino, o que é un puntazo”, indica Kiko Dasilva.

O Garaxe Hermético encheu un baleiro no ensino regrado hai xa 12 anos

Co seu Garaxe Hermético, pretendía encher un baleiro do ensino regrado, que por outra parte non recolle formación específica nin na Galiza nin en boa parte do Estado, se obviamos a capital. O debuxante pontevedrés creou desde cero un plan de estudos para as súas aulas que busca que quen se matricule experimente, de verdade, o que significaría dedicarse a facer cómic. Non teñen notas numéricas senón que se avalía, explica, quen factura dabondo para facer viábel o proxecto que cree, é dicir, para que a declaración da renda que lles obriga a facer como parte do traballo, sexa positiva. A escola emite a súa propia moeda, o kicoin, e lles amosa como facerse autónomo ou autónoma, como facturar, como negociar os dereitos de autoría coas editoriais, en definitiva, como poder vivir do cómic unha vez rematen os tres anos de escola. E para iso, claro, hai que garantir tamén que o que fagan teña calidade dabondo para atraer o interese editorial. E non van mal. No palmarés do alumnado de O Garaxe Hermético hai, entre outros, dúas obras premiadas co Follas Novas, varios premios Cidade de Cornellá, recoñecementos en Euskadi ou a participación, desde o primeiro ano, no Xuventude Crea. Ademais, unha alumna conseguiu o premio internacional de manga de Clip Estudo, e ao ano seguinte foi finalista outro alumno.

Dasilva cre que a existencia dunha escola de banda deseñada que cada ano, desde o terceiro, pon na rúa unha nova promoción de aproximadamente unha vintena de novos creadores e creadoras, supuxo un cambio no panorama editorial galego pois “hai máis autores facendo cómic e iso posibilita pensar distintas coleccións e normalizar a BD, porque o habitual é que cando unha editorial aposta por ela provoque que a competencia faga o mesmo”. Foron moitos ademais os organismos que acudiron á escola para trasladar doutro xeito a súa mensaxe: turística o Concello de Vigo; relacionada coa memoria histórica na anterior Deputación de Pontevedra; e até médica, no caso dunha revista sectorial. Mesmo na época da Covid, o festival Armadiña decidiu facer unha edición BD co alumnado pontevedrés xa que non podía facela presencial.

"Hai máis autores facendo cómic e iso posibilita normalizar a BD", sinala Dasilva

Na actualidade, ademais de organizar masterclass con profesionais como Antonio Altarriba, a escola conta con oito docentes: Kiko Dasilva, Fernando Iglesias Kohell, Miguel Porto, Fernando Llor, Fonso Barreiro, Zaida Novoa, Marc Taeger e Miguelanxo Prado quen, subliña o director, ao non contar con título universitario non podería dar clase no ensino público malia ser premio nacional de cómic. O propio Dasilva, que é licenciado en Belas Artes, defende que o que o habilita para dirixir a escola non é a titulación senón levar desde os dezaseis anos dedicándose profesionalmente ao mundo do cómic: “Por moito título de Belas Artes que teñas non podes ensinar se non fixeches cómic nunca. Isto non se pode facer de oídas”. De feito, foi o sentir que a carreira que estudara seguía coas mesmas eivas que el notara durante a súa formación, o que o animou a pór en marcha o seu propio proxecto, sen ningún tipo de respaldo institucional e hipotecando a súa casa, co obxectivo último de darlle á BD galega unha oportunidade real. Doce anos despois, no curso en que sairá a súa décima promoción, con case duascentas persoas formadas entre as clases diarias e as aulas do sábado, recoñece que lle indigna que a única visita que tivo do Estado fora unha inspección e, sobre todo, que a formación que el imparte non teña IVE reducido como pasa, por exemplo, cunha academia de inglés ou mesmo de debuxo artístico. Hai ensinanzas que mesmo están exentas deste imposto mentres a el se lle grava na mesma porcentaxe que a un produto de luxo, o que reverte nun encarecemento do desembolso que ten que facer o alumnado que se matricula. Malia iso, a súa é a escola de BD máis barata do Estado.

Crítica ao ensino regrado

Como xa quedou dito, para aprobar en O Garaxe Hermético o alumnado ten que “facturar” dabondo para poder ficar cun soldo digno logo de facer fronte aos gastos do proxecto. Dasilva recoñece que, como en todas as artes, non hai moitas persoas que logren vivir do cómic, e entende que iso lle dá aínda máis valor á súa escola: “Antes, quen quería intentalo  aínda o tiña máis difícil. Sen ninguén que te oriente hai máis posibilidades de que quedes polo camiño”. Nese senso, é crítico co ensino regrado. “Neste país só se ensina a parte creativa, artística, e iso é pouco democrático, porque se non lles das ferramentas que lles axuden a vivir diso só poderá facelo quen teña outros recursos”.  Cre que, igual que ocorre coa rama de ilustración, a formación profesional de Banda Deseñada non ten un temario acaído para dedicarse profesionalmente ao cómic. De feito, algún centro recoñeceu a dificultade para conseguir empresas onde o alumnado poida facer prácticas. “A práctica hai que facela durante a propia formación porque neste sector a maioría dos ilustradores traballan na casa, e non ten sentido facer unha práctica nunha imprenta ou nunha tenda de BD. A visión industrializada que ten a FP aquí non funciona”.