Escolas na honra de Curros, por Xoán Costa

No final do século XIX, na Coruña, igual que na Galiza toda, apenas existían edificios específicos para desenvolver funcións educativas. E isto preocupaba, e moito, as autoridades municipais. Por iso nos primeiros anos vinte, no caso da Coruña desde 1906, o Concello comezou a falar da necesidade de construír un edificio escolar que dese resposta ás necesidades educativas do momento. Necesidades que eran moitas. Así que o Concello entra na planificación educativa.

 

Para iso, en 1908 nomea unha comisión especial que será a encargada de ditaminar que clase de ensino se haberá de impartir e en función diso cal ha de ser o proxecto de edificio que conveña deseñar.

 

Finalmente decidiuse ubicar o centro de ensino no Campo de Marte, e iso sen ter en conta os informes negativos que na altura emitiu a Asociación do Maxisterio que considera ese espazo un lugar perigoso para a saúde dos escolares por estar perto de 3 cemiterios, un secadoiro de peles, varios asilos e cuarteis, ademais de ficar lonxe de toda a parte, razón pola que os escolares haberían de se desprazar por vías de grande tránsito “de vehículos e cabalarías”.

 

0 9 de xuño de 1909 celebrouse sesión municipal presidida polo alcalde Lens, que hoxe ten unha rúa nun dos bairros máis empobrecidos da cidade, se cadra en honra a ser el, en 1886, un dos fundadores da Cociña Económica, entidade aínda en funcionamento. Non debían ser moi concorridas as sesións do Concello pois El Eco de Galicia de 10 de xuño manifesta certa sorpresa ao informar que á sesión “acudiron máis concelleiros que de ordinario” a pesar de que a orde do día non parecía moi atractiva: licenzas de obra e acordo de compra do terreo denominado “Arqueta” no Concello de Oza, orixe dos mananciais de auga que surten, na altura, as fontes da cidade. Sobre estes mananciais e o seu posterior abandono cabería un artigo ben completo mais, non sendo obxecto deste, deixaremos para outro día as razóns que levaron os sucesivos gobernos municipais a se desfacer dun patrimonio tan importante como os mananciais de Visma.

 

Mais voltemos á sesión municipal. Terminado o despacho ordinario, o secretario municipal deu conta dun escrito, en forma de carta, do Centro Gallego de Buenos Aires. A carta acompaña a doazón para a construción do grupo escolar Curros Enríquez. Segundo o texto desta carta, a cantidade a que ascende a subscrición aberta entre os galegos residentes na capital arxentina é de 15.019,65 pts. correspondentes a 3125 doantes. Número ben alto de doantes e cantidade ben importante a económica que foi dar, sen máis explicacións, aos depósitos do Banco de España da Coruña, iso si, despois de aclarar o alcalde que, por vontade de todas as persoas que actuaron como doantes, non queren que o banco outorgue ningún tipo de xuro polo depósito.

E banco encantado, claro.

 

Outra das condicións da doazón é que esta cantidade se destine a sufragar as últimas obras do grupo escolar que se pretende construír, isto é, un monumento a Curros. A maiores desta cantidade só se recebeu a da Asociación de Prensa Coruñesa motivo polo que, ao non receber máis nada, o concello acorda dedicar o diñeiro a sufragar o monumento.

 

Até 1921, segundo informa o xornal Acción Coruñesa, non se colocaría a primeira pedra do grupo escolar, primeira pedra que se volvería colocar ao ano seguinte tamén en información do mesmo xornal e non foi sobre o proxecto inicial do arquitecto Pedro Mariño (que tamén elaborara o proxecto das Escolas Concepción Arenal). Na década de 1920 non houbo máis “primeiras pedras” até que en 1934 se poxan as obras. O seu primeiro uso como escola é de 1960.

 

Canto ao monumento a Curros alí proxectado acabou indo para outro espazo e hoxe esperta cada día entre palmeiras e árbores exóticas, entre predios institucionais e hoteis ben singulares.

E o grupo escolar?

Pois contribúe, con orgullo, a manter na cidade o sistema de ensino público. E o nome de Curros.