Esther Latorre: "En 'Atopémonos Bailando' hai moitos proxectos arredor da procura da identidade ou procedencia"

Hugo Pereira e Esther Latorre desenvolven o seu traballo artístico no Colectivo Glovo (Foto: Glovo)
Esther Latorre (Lugo, 1990) é, xunto con Hugo Pereira, a directora da compañía de danza Colectivo Glovo. A través desta, coorganizando coa Concellaría de Cultura, Turismo e Lingua de Lugo e co apoio da Axencia Galega das Industrias Culturais, están traballando cos proxectos seleccionados na terceira edición de Atopémonos Bailando, un programa de residencias artísticas e de investigación que se realizan no Museo Interactivo da Historia de Lugo.

Cal é o balance que fan desta convocatoria?

Un ano máis tivemos unha recepción de propostas moi exitosa xa que chegaron arredor de 200. A variedade e a calidade dos proxectos cada ano vai aumentando e iso é moi gratificante porque significa que artistas dese calibre queren estar no espazo que creamos. Recibimos propostas de compañías de circo, de danza-circo, de teatro físico, danza propiamente dita... Tamén apreciamos un aumento da participación de proxectos de Portugal. Isto implica que a selección tamén é máis difícil de facer porque só podemos dar oito residencias e sendo nós artistas tamén sabemos o traballo que hai detrás da documentación que nos envían. 

Intúen cal pode ser o motivo detrás deste aumento da participación en Portugal?

A modo de reflexión persoal, creo que unha parte débese ao boca a boca, que a xente acaba contenta e despois comparte esa experiencia, porque ao final aínda estamos na terceira edición. Nós, como Colectivo Glovo, tamén somos unha compañía que se move moito. Cada vez imos máis a Portugal e o feito de estar moito no país permíteche trasladar a información de que existe este programa. 

Ao coñecer ben o territorio, sabemos onde pór a información. Ademais, tamén temos o programa de intercambio e o ano pasado foi a primeira vez que o fixemos con Portugal e foi un éxito. Hugo é de Porto e ambos coñecémonos en Portugal traballando para unha compañía, polo que un dos nosos obxectivos unha vez que nos situamos na Galiza era precisamente estabelecer este tipo de lazos co país veciño porque o levamos dentro, fai parte da compañía. 

Hai algún patrón común entre os proxectos?

Coido que desde a primeira edición hai moitísima procura de identidade, ben de xénero ou ben de procedencia e de folclore. Creo que hai un número moi grande de proxectos que se desenvolven arredor destas inquedanzas. É como unha volta á raíz. Vémolo moito en artistas da Galiza que estiveron moito tempo fóra, como pode ser o meu caso. Tamén é certo que estamos nun momento moi presente, non só nas artes. Estamos vendo unha mudanza e unha transición, aínda non se sabe a onde, e hai moitas persoas que están desenvolvendo os seus proxectos orientados cara á recuperación da identidade.

Cales son as expectativas de cara ás residencias deste ano?

As residencias decorren entre abril e novembro e o noso obxectivo, tamén por ser nós artistas, é que sexa proveitoso para o traballo das persoas que están nelas. Polo de agora só tivemos dúas residencias e ambas foron moi ben. Queremos continuar atendendo esa necesidade de ter un espazo de creación así como de recursos que quizais doutra maneira sería máis difícil de conseguir e seguir medrando pouco a pouco. Este é un programa moi pioneiro na cidade de Lugo, porque hai moitísima programación cultural de danza, circo e teatro, mais non hai un espazo de residencias artísticas para artes do movemento. 

Para nós é importante que a xente poida acudir a un espazo descoñecido como é a creación artística e como iso se reflicte despois en como reciben o espectáculo.