A Estrada celebra esta fin de semana a Feira do Mar na Terra

embarcacións tradicionais
Os vindeiros sábado 9 e domingo 10 de setembro terá lugar no lugar de Torreboredo, na Estrada (Terra de Montes), a Feira do Mar en Terra, que quere amosar e revalorizar o patrimonio marítimo nas súas diferentes vertentes.

Os vindeiros sábado 9 e domingo 10 de setembro terá lugar no lugar de Torreboredo, na Estrada (Terra de Montes), a Feira do Mar en Terra, que quere amosar e revalorizar o patrimonio marítimo nas súas diferentes vertentes. Serán dúas xornadas enteiras dedicadas ao mundo mar, que foron anunciadas o pasado día 6 de setembro coa arribada á praza da Constitución da Estrada da dorna Bandalla pertencente á Escola de Navegación Tradicional da Asociación Cultural Dorna, da Illa de Arousa. 

A fin de semana estará ateigada de actividades, desde as 12 horas do sábado, cando se presentará a Asociación para a Defensa do Patrimonio Cultural Galego, Apatrigal, á que seguirá unha palestra sobre Antropoloxía da vila mariñeira de Rianxo a cargo de Josefa Martínez e Carlos Henrique Fernández Coto. Unha hora despois, tomará o relevo outra charla, desta volta sobre O argazo: unha problemática ambiental e social, a cargo de Vinicius de Monte, de Sarela. 

Ás 13.30 horas, chegará a este lugar da parroquia de Souto música da man do grupo de gaiteiros e gaiteiras Decotío, que fechará a programación da mañá.

 

 

Xa pola tarde presentarase o libro Patasdepeixe ás 17 horas, cunha sesión de contacontos  a cargo de Laura Parrula, que asinará exemplares do seu libro Monstr3s. Ás 18 horas, Yolanda Castaño guiará o obradoiro familiar Crear con crebas do mar e, ás 19 horas, Manuel Lara e Emilio Ínsua presentarán a revista Ardentía. Ás 20 horas, decorrerá o recital Corazóns de mar, con Xosé Iglesias. A actuación musical de De Tazas, da Estrada, animará os presentes a ficar para a noite de foliada. 

O domingo, Noemi Vázquez, Lucía Cortiñas, Irene Veiga e Sergio Tannus presentarán, ás 12 horas, Oceanoe, Travesía polo Mar das Antelas. Seguirá a actuación de Xingras da Arca: Semente de Revolución. 

Ás 17 horas, todas as persoas interesadas poderán sumarse ao obradoiro de elaboración dunha crema a base dun extracto de algas. Tamén ás 17 horas está programada unha actividade de estampación dun caderno con selos, mediante pezas feitas por Amorote con motivos do mar, estampando selos de colores.

Tanto na xornada do sábado como na do domingo a feira incluirá múltiples e instrutivas exposicións gratuítas: Mascaróns, velas poleas e cabos, de Olláparo; Acuarelas Mariñas, de Xosé Iglesias; Salvagardando a tradición, linogravados de Sebastián Camacho; Pequena guía de embarcacións tradicionais, Os oficios do mar e O mar, o barco e máis nós, os inicios da federación Culturmar.