As estreas máis esperadas do 2014

Como cada ano hai películas que con só escoitar falar delas xa dan gañas de que se estreen. E tamén coma sempre, unhas cumprirán as expectativas e outras defraudarán, pero a priori prestan bastante. Aí vai unha selección de 14 filmes para o 2014:

1. A VENUS DAS PELES

Adaptación da obra de teatro de David Ives sobre actores e audicións a cargo de Roman Polanski. Poderemos ver a Emmanuelle Seigner en todo o seu esplendor. Presentouse no festival de Cannes o ano pasado e sempre é de agradecer “unha de Polanski” para comezar o ano. Estrea a finais de xaneiro.

 

2. HER

A última película do sempre sorprendente  e inclasificable Spike Jonze (“Cómo ser John Malkovich”, “Adaptation”) vai de ciencia-ficción cun Joaquin Phoenix que está en estado de graza e Scarlett Johansson que só aporta voz… pero qué voz!! Música de Arcade Fire e un montón de premios xa ás súas costas. Estrea en febreiro.

 

 

3. NOÉ

Visión de Darren Aronofsky do pasaxe bíblico sobre Noé. Como protagonista un bochudo Russell Crowe que terá que construír a Arca para salvar todas as especies. Con Aronofsky de director promete algo máis que unha simple adaptación da historia. Estrea en abril.

 

4. X-MEN: DÍAS DO FUTURO PASADO

Recupera Brian Synger na dirección que volve tras ser o artífice das dúas primeiras de X-Men. Conta co reparto inicial daquelas (Patrick Stewart, Ian McKellen, Hugh Jackman, Halle Berry) e cos da precuela “X-Men: Primeira xeración” (Michael Fassbender, James McAvoy, Jennifer Lawrence). Promete viaxes no tempo e boas doses de cinema de súper-heroes. Estrea en maio.

 

5. O AMENCER DO PLANETA DOS SIMIOS

Continuación de “A orixe dos planetas dos simios” que dirixe Matt Reeves, o que sorprendeu co filme cámara en man “Monstruoso” (2008). Repite Andy Serkis coma o simio César e promete mellores efectos especiais e unha historia máis escura.Estrea en xullo.

 

 

 

6. JUPITER ASCENDING

A nova incursión na ciencia-ficción dos irmáns Wachowski con Mila Kunis de protagonista. Apetecerá ver se “Speed Racer” foi unha focha na súa carreira e recuperan o bo facer de “Matrix”. Estrea en agosto.

 

7. SIN CITY: UNHA DAMA POLA QUE MATAR

Secuela de Sin City (2005) case 10 anos despois. Repiten Mickey Rourke, Jessica Alba e Rosario Dawson. Desta volta non está Quentin Tarantino, pero si Robert Rodríguez e o artífice do cómic Frank Miller na dirección. Carece do efecto sorpresa da estética de branco e negro e viñetas, pero saciará as gañas de máis que deixou a primeira. Estrea para finais de agosto.

 

8. JERSEY BOYS

O primeiro musical de Clint Eastwood. Gañas de ver como as gasta o octoxenario director neste xénero e  comprobar se segue en plena forma tras as menores, aínda que boas, “Máis alá da vida” e “J. Edgar”. Conta no reparto co inquietante Christopher Walken. Estrea en setembro.

 

 

9. GONE GIRL

Nova incursión no thriller a cargo de David Fincher que adapta o best-seller de Gillian Flynn. Trata da desaparición dunha rapaza que tratará de atopar Ben Affleck. Veremos se Fincher volve a dar no cravo. Estrea en outubro.

 

10. INTERESTELLAR

O moi agardado retorno á dirección de Christopher Nolan tras ser produtor do esvarón do ano pasado: “O home de aceiro”. Sae o recuperado Matthew McConaughey e a oscarizada Anne Hathaway. Filme de ciencia-ficción que hai que marcar en vermello no calendario. Estrea en novembro.

 

11. FURY

Outra incursión de Brad Pitt en películas bélicas da Segunda Guerra Mundial tras os “Malditos Bastardos” de Quentin Tarantino. Acompáñano Shia LaBeouf e Scott Eastwood, o fillo de Clint, que nos traerá á mente de seguro a xenial “Os violentos de Kelly”. Estrea en novembro.

 

12. O HOBBIT: PARTIDA E REGRESO

Pecha a triloxía de “O Hobbit” de Peter Jackson. Apetece comprobar se tras a recuperación narrativa que houbo na segunda parte se confirma cun bo remate que faga esquecernos da decepción da primeira película desta estirada saga. Estrea en decembro.

 

13. EXODUS

Máis cinema bíblico (coma “Noé”), desta volta da man de Ridley Scott que contará a historia de Moisés. Con Christian Bale coma o mesías xudeu que abrirá o Mar Vermello nun espectacular 3D. Fará esquecer á mítica escena de Charlton Heston? Estrea en decembro.

 

 

14. O HOME QUE MATOU A DON QUIXOTE

Veremos por fin a adaptación da obra de Cervantes de Terry Gilliam coa que leva décadas entre cella e cella e que tivo que abandonar por forza maior no ano 2000. A desastre deu pé para facer un documental que levou por título “Lost in La Mancha”. Desta volta Robert Duvall fai de Don Quixote e Ewan McGregor de Sancho Panza, substituíndo a Jean Rochefort e Johnny Depp respectivamente. Estrearase, se todo vai ben…

 

http://www.facebook.com/criticadcinema