Unha exposición de monicreques preludia a novena edición de Titiriberia en Rianxo

Obxectos de 'Arlequina', de Os monicreques de Kukas. (Foto: Titiriberia)

O festival de bonecos tradicionais traslada as súas datas á semana grande de agosto e contará este ano con máis de trinta actividades paralelas entre obradoiros, mostras, campamentos e conferencias.

O Titiriberia: Festival de títeres tradicionais, organizado pola asociación Morreu o Demo co apoio do Concello de Rianxo, a Xunta de Galicia e a Deputación da Coruña, muda este ano de datas: celebrarase entre o 12 e 18 de agosto. Con este traslado no calendario, o festival desenvolverase nunha das semanas de máxima afluencia de visitantes en Rianxo. Deste xeito, Titiriberia ampliará o seu alcance ao reatoparse tanto co público rianxeiro como co procedente do exterior.

Como aperitivo da súa novena edición, Titiriberia inaugurará esta sexta feira a súa exposición de escaparates que, baixo o título Marionetas do Mundo, decorará os comercios de Rianxo grazas á colaboración da Asociación Rianxeira de Empresarios (ARE). A mostra confórmase con exemplares da ampla colección de Viravolta Títeres, unha das compañías de referencia para o sector galego dos monicreques, ao superar xa os corenta anos de traxectoria.

Unha decena de comercios acollerán nos seus escaparates as pezas de Viravolta. En todos eles repartiranse figuras elaboradas por diferentes artesáns de todo o mundo, de modo que as tradicións titiriteiras de Europa, América Latina, India, China ou Turquía chegarán así a Rianxo.

A exposición incluirá un concurso, cuxas instrucións están dispoñibles na páxina web do festival e en cada un dos comercios colaboradores: Don Dino, Cenor ROT, Europunto, Nenis, Costuras para soñar, Irazi, Zapaterías Marty, Pasarela Boutique, Peluquería David e Material de construción e ferraxería Luis Vidal.

Producións e coproducións

Titiriberia amosaralle ao público rianxeiro nesta novena edición dous espectáculos de produción propia e sete coproducións en colaboración con diferentes compañías e artistas. Regresará así o tradicional espectáculo As Varietés de Barriga Verde, sesión na que se reúnen cada ano espectáculos de diferentes disciplinas e artistas nun formato de variedades. A outra produción propia do festival será A feira vella, recreación dunha feira tradicional que se instalará na praza do Campo de Arriba e contará con dramatizacións en coprodución co grupo de Teatro Airiños (Os casos da Feira vella) ou con Seisdedos Marionetas (Cantar do ano de Rianxo).

Ademais, as coproducións do festival irán a cargo da propia Seisdedos (Peito de Lobo, na  que se adapta aos títeres de cachaporra o personaxe inmortalizado por Castelao); A Cova das Letras (Chafallas, a vendedora de fume); Ostomila Títeres, (que traerán ao galego o seu espectáculo Baleazaleak); Trécola Producións, (As aventuras de Pituquito); e Títeres (co pasarrúas A vella do gaiteiro).