As “Fábulas Reais” de Paula Rego expóñense no MAC da Coruña

.

Máis de medio cento de obras de Paula Rego, un das nomes máis relevantes da pintura contemporánea, expóñense no Museo de Arte Contemporáneo Gas Natural Fenosa (MAC) da Coruña. Pintura figurativa, por veces fantástica e onírica e por veces crítica e dramática que nos achega á gran creadora á obra da grande creadora portuguesa. 

Cun discurso propio que ten no debuxo o seu eixo e na creación de imaxes narrativas nunha liña que desenvolveu desde a súa mocidade, a obra de Paula Rego pasou a ser considerada un dos expoñentes principais da pintura contemporánea. A súa traxectoria foi acollida con mostras retrospectivas nos máis prestixiosos centros de arte, desde a Tate Liverpool ao Centro Cultural de Belém ou o Reina Sofía de Madrid. 

Creadora dunha linguaxe particular, na obra de Rego toma especial relevancia as etapas nas que a través da pintura reelaborou unha relectura en clave feminista dos relatos infantís ou a crítica serie na que a autora se atreveu a denunciar as consecuencias do aborto clandestino. 

En “Fábulas Reais”, o seu figurativismo queda á vista en máis de cincuenta obras que percorren a súa traxectoria desde os anos setenta con algunhas pezas moi pouco expostas como “A vella república”, “O Oratorio” ou “Os músicos”. Por vez primeira móstranse obras como “The Servant” ou “The Cigarette”. A mostra estará aberta ate o 14 de setembro na Coruña. 

Feminismo no pincel

Desde os anos setenta, o relato que plasma a través da pintura evoluiu desde unha primeira etapa máis apegada a un discurso informalista e mesmo dadá para pasar á obra dos anos setenta onde a psicoanálise semella agromar na reinterpretación de traumas da infancia a través de obras nas que os contos toman protagonismo. Adentraríase a autora posteriormente nunha liña creativa na que os temas sociais, en especial o aborto e a imposición autoritaria do poder, impóñense en obras especialmente dramáticas e na que o seu feminismo invade os lenzos con valentía.  Acrílicos de grande formato, pasteis ou obra sobre papel compoñen esta exposición que, baixo a denominación de “Fábulas Reais”, acaída á obra da artista, vén de se inaugurar na Coruña. 

Nada en Lisboa en 1935, Paula Rego pasou boa parte da súa vida en Londres onde reside desde os dezasete anos e a súa obra forma parte das máis importantes coleccións privadas e públicas do mundo, desde o British Museum, o Metropolitan Museum of Art ou a Serralves.