CRITICA DE CINEMA DAS SEXTAS FEIRAS

"O que facemos nas sombras"

cine

O crítico Andrés Castro achéganos a "O que facemos nas sombras", ao seu ver, a mellor comedia do verán e, sen dúbida, unha das mellores do ano. 

What We Do in the Shadows
(Nova Zelandia 2014, 86 min.)
Dirección e Guión: Jemaine Clement e Taika Waititi
Fotografía: Richard Bluck e D.J. Stipsen
Música: Plan 9
Elenco: Jemaine Clement, Taika Waititi, Jonny Brugh, Cori Gonzalez-Macuer, Stuart Rutherford, Ben Fransham, Rhys Darby, Jackie van Beek, Elena Stejko 

SINOPSE

Segue as vidas de catro compañeiros de piso que tratan de saír adiante e superar os obstáculos de seren vampiros inmortais que deben alimentarse de sangue humano e, ao mesmo tempo, pagar o aluguer, manter o nivel de vida, entrar en discotecas ou superar os conflitos típicos da convivencia.

CRÍTICA 

Ao gran... O que facemos nas sombras é probablemente a mellor comedia que poidamos ver este verán e, de seguro, unha das mellores do ano. Xa a premisa é para escachar. A modo de -falso- documental trata dos problemas de convivencia de catro compañeiros de piso de Nova Zelandia: quen se encarga de fregar os cacharros, quen limpa o baño, que xente se pode traer a casa, as horas de ir durmir... A priori nada especial. A convivencia pura de dura de calquera piso de estudantes. Pero se resulta que eses compañeiros son vampiros, pois xa a cousa xa cambia, non? Jemaine Clement e Taika Waititi, os artífices da idea, inspiráronse nas míticas personaxes de Os Novos, emitida nos comezos da galega, e puxéronlles cairos.

"É probablemente a mellor comedia que poidamos ver este verán e, de seguro, unha das mellores do ano".

Quen tivera uso de razón alá por mediados dos anos 80 lembrará aqueles tolos episodios destroyer cheos de ironía e mala baba daquel casopo onde habitaban o anarquista Rick, o punky Vivian, o hippie Neil e o rocker Mike, que son substituídos aquí por Viago (Taika Waititi) un estirado vampiro alemán da época do romanticismo, Deacon (Jonny Brugh) un rudo vampiro da época victoriana, Petyr (Ben Fransham) unha evidente homenaxe ao nosferatu Max Schreck, e Vlad (Jemaine Clement) un vampiro mullereiro e atormentado con ínfulas do Drácula de Bram Stoker. Atención tamén as personaxes secundarias, en particular ao bo de Stu (Stuart Rutherford) un informático que se fai amigo dos vampiros, e Jackie (Jackie van Beek) a escrava de Deacon para as tarefas diúrnas. Inesquecíbeis personaxes que caen xenial desde o comezo. Por suposto non faltan outras homenaxes que van desde o Blade de Wesley Snipes, ao Crepúsculo de Robert Pattinson, pasando por Xoves Ocultos (1987, Joel Schumacher), e incluso, como é tamén neocelandesa, a O Señor dos Aneis, iso si, só para ollo dos máis fanáticos. Avísase desde o principio que “os cámaras deste documental levaron crucifixos durante toda a gravación”. Esa simpática frase aporta unha inmediata complicidade co espectador e co que vai acontecer a continuación. Se engadimos uns efectos especiais espectacularmente realistas, o conxunto é de quitar o chapeu.

"É como eses pratos de alta cociña: están moi bos e quedas ben, pero se botaran un pouco máis de cantidade tampouco pasaba nada"

Unha xenial brincadeira de hora e media na que se alternan sorrisos, gargalladas e agradables sorpresas para os amantes do xénero, sen descoidar, nin por un momento, a posta en escena e proposta inicial que avanza coma un reloxo nunha historia ben elaborada que se retroalimenta de si mesma. Moita improvisación, inda que moita planificación tamén, diálogos vivos, humor negro, absurdo e unha chea de orixinalidade son os puntos fortes de O que facemos nas sombras. Unha das poucas cousas que se lle poderían achacar é que se fai algo curta. Pero é como eses pratos de alta cociña: están moi bos e quedas ben, pero se botaran un pouco máis de cantidade tampouco pasaba nada. Ah, e queden ate o final dos títulos de crédito porque hai unha sorpresiña.