Falece o actor Xabier Deive aos 54 anos de idade

O actor Xabier Deive. (Foto: Albaiceta)
A noticia foi coñecida esta quinta feira, a través dunha mensaxe nas redes sociais do seu representante.

O actor Xabier Deive (Narón, 1970) faleceu a pasada cuarta feira, aos 54 anos de idade, despois de padecer unha dura enfermidade. A noticia foi coñecida ao día seguinte, a través dunha mensaxe nas redes sociais do seu representante, Alejandro Albaiceta, xa que o propio actor quixo manter a discreción en todo o concerninte á súa doenza.

"É inxusto, inesperado e moi doloroso polo inmenso vacío que deixa", resalta tras sinalar que marchou "como a estrela do rock and roll que era: discretamente", para engadir que "este era o seu estilo: non facer mais ruído do estritamente necesario. Deixar que o seu traballo e as súas personaxes falasen por el".

Deive iniciou a súa traxectoria profesional na década dos noventa, exercendo como actor de cine, teatro e televisión. Era un rostro popularmente coñecido polo seu papel na serie da TVG A vida por diante, malia que xa participara en multitude de producións de gran difusión como, entre outras, Pratos combinados, Mareas vivas, As leis de Celavella, Matalobos, Serramoura ou A lei de Santos. No ámbito estatal, contou con roles episódicos en series como Águila Roja, Piratas ou El Ministerio del tiempo.

No cinema, Deive traballou en multitude de curtas e longametraxes, entre as que destacan Jalisco (2001), de Jorge Valcárcel e Fran Piñeiro); En teoría (2006), de Lídia Fraga; O menor dos males (2007), de Antonio Hernández; A cicatriz branca (Margarita Ledo, 2012); Las altas presiones (2014), de Ángel Santos; ou a máis recente As Neves (2024), de Sonia Méndez.

Porén, Deive naceu á interpretación no teatro, no que cultivou unha longa carreira coas compañías Caroza Teatro, Teatro Maltés, Ollomoltranvía, Galería Cía de Teatro, Uvegá Teatro ou Talía Teatro, entre outras. Algunhas das obras nas que participou foron Os carros do camiño (Ollomoltravía, 1998), O retrato de Dorian Gray (Uvegá Teatro, 2000), Final de película (Ancora Producións, 2004), A amarga rmoción do perdido (Teatro Proscrito, 2006) Edipo (Nove Dous, 2006), Estigma (Centro Dramático Galego, 2008) Gaivotas subterráneas, (Talía Teatro-Voz Audiovisual, 2013), Sede de mal (Culturactiva, 2015) ou Filosolfando (Boneca Lareta, 2015), estas tres últimas en compañía de Luís Iglesia, con quen formou un tándem de grande éxito.

Nas redes sociais multiplícanse as mensaxes de condolencia, destacando o da Asociación de Actores e Actrices da Galiza -da cal Deive foi presidente entre 2019 e 2021-, que salienta “a calidade humana de Xabier Deive, un compañeiro querido e respectado tanto polo público como pola profesión”, para engadir a continuación que Deive “ deixa testemuño dunha forma de entender, exercer e vivir o noso oficio que a AAAG quere recoñecer como exemplo para todos e todas”. “O labor que Deive desenvolveu no seo desta asociación sindical, da que foi presidente entre o 2019 e o 2021, ademais de ter participado en diversas xuntas directivas. Este traballo desinteresado na AAAG amosaba o seu compromiso coa profesión”, reza a mensaxe da AAAG.