Xosé Luis Franco Grande faleceu aos 84 anos de idade. Foi un dos membros da xeración Illa Nova, autor do imprescindíbel volume "Os anos escuros" (que permite coñecer a resistencia cultural no franquismo") e autor do dun Dicionario galego-castelán publicado en 1968 e que coñeceu numerosas edicións.
Naceu en Tomiño, onde viviu os seus primeiros anos. Estudou en Compostela. Recén saído da universidade comprometíase coa causa galeguista para implicarse en accións para a recuperación do legado cultural, lingüístico e nacional de Galiza, como lembra Galaxia, editorial a cuxo nacemento contribuiu cun traballo "bo e xeneroso".
Hai un par de semanas, saía do prelo a súa derradeira obra nesa editorial, titulada A ilusión da esperanza. De Cabanillas a Xulio Ríos.
Se hai un libro esencial na súa abondosa e prolífica bibliografía é Os anos escuros, verdadeira crónica testemuñal dunha época.
Destacábel é tamén a súa creación poética, con obras como A miña vida toda (1967) ou, xa relativamente próximas, Xoguetes do tempo (Galaxia) e o Libro das Abandonadas, (Teófilo). Fixo parte do movemento literario denominado Escola da Tebra.
Foi tamén articulista en distintos medios. Autor tamén de varias pezas teatrais, cultiva tamén o ensaio e a crítica literaria. Ingresou na Real Academia Galega o 3 de xullo de 1998 co discurso O antigo réxime nunha familia do Baixo Miño.
Participou na creación do Partido Socialista Galego (PSG) na clandestinidade.
A súa traxectoria vital estivo chea de compromisos e implicacións en diferentes eidos culturais e do activismo. Dirixiu un espazo radiofónico -Raíz e Tempo-; participou como fundador da Asociación Cultural de Vigo; Cintia, unha cantautora catalá, gravou na discografía Digsa, o poema "Venceremos Nós" (Joan Báez, Xosé Luís Franco Grande, Xosé Manuel Beiras). Anos despois converteuse no himno das mobilizacións estudantís que se produciron en Compostela no 1968 contra o franquismo.