Federico García Lorca volve a Compostela
A Casa do Cabido de Santiago de Compostela acolle até comezos de novembro, unha mostra pioneira que reúne manuscritos, vídeos, debuxos, fotografías, testemuños e documentos varios, ademais de audios históricos, sobre a relación que o poeta andaluz Federico García Lorca (Fuentevaqueros, 1898 - Víznar, 1936) mantivo con Compostela e coa lingua e culturas galegas.
A mostra, que leva por nome Lorca en Compostela, está comisariada polo editor e escritor Henrique Alvarellos e estruturada en dez apartados con máis de oitenta pezas e documentos, cedidos por 25 institucións e particulares, e dos que algún deles se exhiben por primeira vez ao público.
Unha exposición pioneira
Na mostra, o público asistente terá oportunidade de ver manuscritos orixinais de Lorca (poemas e dedicatorias), debuxos que realizou en Santiago no Hotel Compostela en 1932, imaxes en movemento da xira por Galiza da compañía La Barraca montando o escenario na Quintana ou paseando Lorca por Vigo, edicións únicas dos Seis poemas galegos (desde a primeira de 1935 até singulares traducións ao xaponés ou ao lunfardo) e mesmo poderá escoitar o poeta tocando o piano e a Blanco-Amor recitando en Bos Aires en 1959 a "Danza da lúa en Santiago".
É a primeira vez na historia que se reúne toda esta documentación arredor de Lorca e Santiago, un autor que chegaría a definirse, nunha viaxe a Bos Aires, como "poeta gallego". Un escritor que ademais amosaba a súa admiración por Rosalía de Castro, que queda patente xa dende os seus primeiros inicios como escritor. Eduardo Blanco Amor chegaría a afirmar que García Lorca quedou "fulminado" por Compostela.
Dez apartados
A mostra convida, xa á entrada, a sacar unha fotografía a carón de Lorca, reproducido a tamaño natural ou a velo en movemento na súa xira teatral por Galiza no verán de 1932.
No baixo e os dous andares do edificio da praza de Praterías poden visitarse dez apartados da mostra: Saca unha foto con Lorca; Un poeta en movemento; "Esto me hipnotiza"; Lorca, debuxado; Lorca, debuxante; La Barraca, na Quintana; A pegada escrita; "Llevo a Galicia en el corazón"; Lorca ao piano e A homenaxe dun pobo.