Fene convértese na capital da arte urbana a través do Perla Mural Fest

O mural que representa unha violonchelista pintado por Sfhir en Fene na pasada edición foi recoñecido como o Mellor Mural do Mundo
A programación do Perla Mural Fest incluirá unha ampla oferta cultural, que terá lugar na pista do Círculo Cultural Recreativo e Deportivo de Perlío.

O Concello de Fene (Ferrolterra) está a celebrar esta semana a segunda edición do Perla Mural Fest, un festival de arte urbana que está a transformar o municipio nun museo ao aire libre. A nova edición conta coa participación de destacados muralistas internacionais, como o madrileño Sfhir, a napolitana Leticia Mandragora e o chileno Cristóbal Persona.

O mural que representa unha violonchelista pintado por Sfhir en Fene na pasada edición foi recoñecido como o Mellor Mural do Mundo, fito que reforza a importancia global deste evento.

A programación do Perla Mural Fest incluirá unha ampla oferta cultural, que terá lugar na pista do Círculo Cultural Recreativo e Deportivo de Perlío, con concertos que se celebrarán ao longo de hoxe e de mañá. Entre as artistas convidadas esta sexta feira atópanse Virginia Red (21.30 horas), Ricky Hombre Libre (22.45 horas), Monoulious Dop (00 horas), Recambios Tucho (01.30 horas) e DJR4tibrón (03 horas). O sábado será a quenda de Tonhito de Poi (21.30 horas), Rubén Pozo (23.15 horas), Biela (00.45 horas), Galician Army (02 horas) e fechando de novo, DJR4tibrón (03.30 horas).

O festival, que conta co apoio do Concello a través da área de Promoción Económica e Turismo, tamén ofrecerá sesións vermú durante a fin de semana, con actuacións de Los Hombres de Diego (12.30 horas) e Badulaque (14 horas) o sábado, e Sintrom (13.30 horas) o domingo.

Paralelamente ao Perla Mural Fest, celebrarase o Gran Mercado Hippie, que conta con máis de sesenta postos de temática hippie e achega un ambiente único ao evento. O público poderá gozar de animación itinerante, xogos de malabares, efectos de maxia, accións de clown, e unha zona infantil con minixogos, entre outras.