Contracultura

Clara Pino: "Fenómeno fan é unha obra moi intimista e ten moito de denuncia social e de feminismo"

A obra 'Fenómeno fan' une os poemas de Clara Pino coa pintura de Xavier Magalhães (Foto: Nós Diario).
Clara Pino, música e docente, chega á poesía co seu primeiro libro, Fenómeno fan (Editorial Elvira). Pino aborda o proceso de creación conxunta entre os seus textos e as pinturas de Xavier Magalhães nunha obra que reflexiona sobre o fanatismo, achegándose tamén a outros temas porque, como ela di, “é un libro moi intimista e que poeticamente falando ten moito de denuncia social e de feminismo”.

Como xurdiu Fenómeno fan?

Era unha cousa inevitábel porque nos meus traballos discográficos sempre compuxen eu todas as letras, salvo algunha excepción. Durante a pandemia puiden sentar en serio e cando tiña un corpus medianamente definido ensineillo a Xavier, porque temos unha amizade de máis de vinte anos.

Tamén temos colaborado noutros proxectos, el fixo a capa e a contracapa de Sete saias e é moi doado traballar con el. É un artista inmenso e por iso digo que este libro é unha coautoría: teñen tanta importancia as súas pinturas como os meus poemas.

Cal foi o proceso para relacionar ambos os aspectos?

Ambos traballamos moito no confinamento, aínda que logo houbera que pulir cousas. No caso de Xavier, todas as pinturas pertencen a unha serie de máis ou menos 50 obras. Á hora de seleccionar cales ían ir no libro estabamos moi en sintonía e de feito os dous tiñamos claro desde o principio cal tiña que ser a capa. Foi un proceso de confianza cega, tanto pola súa parte como pola miña. De feito, a min dábame un pouco de pudor esta publicación, aínda que está funcionando moi ben e a crítica está sendo estupenda, mais hai que recoñecer a aposta tanto de Xavier como de Editorial Elvira. 
Esta editora fai uns libros obxecto moi coidados e temos que pensar que neste caso requiría un papel determinado para que as pinturas de Xavier lucisen, polo que tampouco é que no prelo saíra barato. 

Quizais estes libros case de colección son os que gañan fronte ao dixital.

A ver, calquera libro novo, o cheiro que ten e ademais neste caso cunha impresión con tantas cores, é algo que non conseguirás nunca co libro electrónico. Teño fe en que o libro físico aínda ten moito percorrido. O que ocorre é que estamos nun momento económico moi difícil. Mais como música profesional por exemplo non podo dicir o mesmo do CD. Eu tiven que mudar de coche porque o meu morreu de vello e o novo xa non tiña lector.

Que entende por fenómeno fan?

É unha escusa para algo tan poderosamente capitalista e alienante como é o fan. O fan entendido como este concepto de mover grandes masas, o márketing, a contorna mediática, todo o que arrodea unha grande estrela do rock ou do pop.

Fenómeno fan é a escusa perfecta para dicir que algo estamos facendo moi mal cando cremos nisto, a partir de aí extrapolamos outros temas. É un libro moi intimista e que poeticamente falando ten moito de denuncia social e de feminismo. É todo un corpus que intenta redondear esta estrutura dicotómica entre o fenómeno e o fan, o ti e o eu. 

Tamén aproveito moito da miña experiencia, non en grandes concertos de masas, senón todo o contrario porque a miña música é de minorías. É unha forma de dicir que se eu fuxo disto por algo será. 

Pódese ser fan sen caer nisto?

Claro. Eu son fenómeno no momento en que son unha artista que sobe a un escenario, mais tamén son fan. O que pasa é que a min pódeme gustar moito unha artista musical e ter acceso a un concerto seu nun momento determinado e de súpeto decidir non ir porque non me apetece, porque teño outras cousas que facer. Cousas como ir dar un paseo cos meus cans, non ten que ser nada extraordinario. Mais non vou deixalo todo para ir a iso ou á estrea dun filme, son quen de agardar. 

Unha persoa fanática é aquela que ten que estar aí por enriba de todo e que fai cola desde as cinco da mañá.

É un exemplo moi banal, mais eu son moi fan do cocido e non me poño a comelo todos os días. A vida son as pequenas cousas e hai que ter máis pouso. Iso dámo ser profesora, tratar con adolescentes a diario.

É algo que che pon moito os pés na terra.