Alguén que respira!, do 21 ao 23 de marzo

Ferrín, Zurita ou Golgona Anghel, no festival de poesía do Concello de Compostela

O Teatro Principal de Compostela. Foto: cedida.

A segunda edición de Alguén que respira!, o festival de poesía organizado polo Concello de Compostela co apoio da Xunta, xuntará poetas da envergadura de Xosé Luís Méndez Ferrín, o chileno Raúl Zurita ou a romanesa que escribe en portugués Golgona Anghel. A cita decorrerá do 21 ao 23 de marzo no Teatro Principal.
 

Dirixido por Antón Lopo, el propio escritor e editor, o encontro contará con medio cento de poetas, músicos, actrices. Oito “estreas absolutas de creadores pertencentes a ámbitos heteroxéneos, con linguaxes propias pero unidos pola poesía” vertebrarán unha cita que, segundo a concelleira de Acción Cultural Branca Novoneyra, “apira a se consolidar no calendario cultural da cidade”.

 

Para intentalo, Alguén que respira! comezará o Día Mundial da Poesía, é dicir, a quinta feira 21 de marzo. A xuntanza, por primeira vez desde a súa disolución hai case tres décadas, do Colectivo Ronseltz consitutirá “unha oportunidade única” de ver en acción Xabier Cordal, Miki Nervio, Manuel Cortés, Xoán Carlos Rodríguez e Serxio Iglesias. Méndez Ferrín lerá o manifesto da xornada, redactado por el mesmo, e haberá recitais das galegas Pilar Pallarés e Estevo Creus, da rumana de orixe pero portuguesa como escritora Golgona Anghel, a catalá Sònia Moll, o asturiano José Luis Piquero e o chileno Raúl Zurita.

 

O festival dedicará a sexta feira 22 de marzo a investigar as relacións da poesía e a oralidade. Haberá un torneo de versos -slam- en que competirán Esther Carrodeguas, Iolanda Zúñiga, Oriana Méndez, Carmen Conde, Vanessa Glemsel, Luix Kaf, Malvares de Moscoso, Clara Gayo e Silvia Casal, con música de Juanma LoDo. Jon Maia e Amets Arzallus amosarán a técnica bertsolari. A noite pecharase con música, a mestura de rap e jazz experimental de García MC e LAR Legido; Lucía Aldao, e mais o proxecto El Velcro, de Pablo X. Suárez e Dudo.

 

O sábado, 23 de marzo, lerán poemas Gonzalo Hermo, Ana Romaní, Margarita Ledo, Chus Silva, Elena Medel e Alejandro Palomas na sección Atravesei a Cerca. A poeta Nuria Vil e a banda Rabuda ofrecerán a súa proposta. Alguén que respira! rematará cunha velada en que subirán ao escenario do Principal as actrices Mónica Caamaño e Alfredo Rodríguez; os poetas Afonso Traficante, Silvia Penas e a brasileira Elisa Lucinda; o rapeiro Hard GZ; e Félix Fernández a ler poemas do seu irmán Xabier oito anos despois do seu pasamento.

 

Durante os tres días, pero de mañá, o festival organiza unha sección paralela, Café con Moha, de mesas de debate sobre a importancia do corpo nas novas linguaxes líricas, o escenario como soporte, a esencia de poema ou a edición de poesía. Coordinarán as discusións as xornalistas María Obelleiro -directora de Sermos Galiza-, Daniel Salgado -redactor de Sermos Galiza-, Caetano Díaz, , Anxo Quintela e Francisco Novo.