Festigal, encontro coa cultura de país: concertos, libros, ideas, artesanía e asociacionismo galego

Foliada após o xantar na Carballeira o ano pasado (Foto: Festigal).
Esta cuarta feira, na véspera do Día da Patria Galega, comeza no Campus Vida de Compostela o Festigal, unha reunión festiva que, durante dous días, achega unha ampla oferta cultural para todos os públicos: concertos, palestras, artesanía e obradoiros completan unha programación que acrecenta o valor identitario da cultura galega. 

O Festigal volverá ser punto de encontro para a celebración do Día da Patria Galega. A edición deste ano mantén o espírito das anteriores con pequenas propostas de cambio que aspiran a ampliar o espazo festivo e mellorar a acollida de toda persoa que queira reivindicar e festexar Galiza.

O 25 de xullo, na contorna da Alameda de Compostela volverán abrir as portas o Espazo Xantar, a Galería das Letras e das Ideas e os espazos de Mercado e Asociacionismo para darlle continuidade a unha programación que arrancará esta cuarta feira a partir das 21.45 horas coa música en directo de Filloas, Mondra, De Ninghueres e Rebeliom do Inframundo. 

O Festigal "segue a ser a festa do nacionalismo galego", afirma a Nós Diario Lucía Veciño, coordinadora do evento e secretaria da Fundación Galiza Sempre. Cada ano esta cita, que tamén está organizada por Galiza Nova (organización xuvenil do BNG), reúne miles de persoas atraídas por unha proposta plural que dá conta do "talento musical e cultural que medra cada día en Galiza" e que, a través de actividades concretas, outorga voz e visibilidade a quen desde o seu espazo de creación contribúe a "construír e alargar a conciencia de país". Os concertos do Festigal cambian de localización. "Este ano ao Café Concerto que noutras edicións reservabamos para o 25 de xullo, cunha programación diferenciada da do día 24, desaparece e todas as actuacións musicais, tanto do primeiro día como do segundo terán lugar no mesmo espazo, no campo de hockey do Campus Vida da USC, a poucos metros do escenario doutros anos".

Nova localización

O Festigal muda o cemento polo verde para facer a música máis accesíbel nunha contorna que gaña amabilidade e mantén moi perto os servizos de acampada e a entrada ao resto de actividades deseñadas pola comisión organizadora. O espazo gastronómico e de convivio na carballeira de San Lourenzo amplíase este ano ao día 24 pola noite. Desde esta cuarta feira as 21.30 horas o público poderá gozar dun espazo de xantar ao estilo romaría que contará cunha polbeira, dúas food truck e un posto de comida vegana a cargo da Asociación pola Protección Animal Abeiro, se ben, lembra Veciño, "a comida é libre e cadaquén pode levar a súa da casa". 

Espazo infantil 

O público máis novo terá, como cada ano, o seu propio espazo, "un dos máis demandados". O Festigal Miúdo dará comezo esta quinta feira ás 16.15 horas. Recollida do sol, a área infantil ofrecerá xogos e un amplo abano de actividades en galego coas que desfrutar en familia. A presentación dos libros Caracol. Cara de Col e Laia, de Baia Fernández, autora, e Martiño Picallo, deseñador abrirá a programación que terá continuidade "cun obradoiro de estampado de imaxes icónicas do nacionalismo e representativas do festival da man das educadoras de Sororas". Ás 18.30, teatro, con Fantoches Baj e a montaxe O tranvía Leonardo, un espectáculo de narración oral con marionetas e música no que se conta a historia do primeiro tranvía a vapor da Galiza. O fin de festa para as crianzas correrá a cargo da Banda dos Insectos que ofrecerán un concerto de rock infantil. 

O festigal reserva dous espazos de debate dedicados a reflexionar sobre o auxe dos fascismos e o colonialismo medioambiental

Non faltará tempo e espazo para os libros, as ideas e o debate. Cada ano, no Festigal gozan da súa propia galería, a modo de escaparate da creación cultural do país. "Este ano acollerá a presentación de até cinco publicacións: Francisco Villamil, heroe de guerra de Cuba e xeneral de división do mambís nacido en Galiza; Cantos de dor e liberdade, voces galegas por Palestina, a obra que edita Tempo Galiza, na que colabora Galiza por Palestina e Mar de Lumes, cuxa recadación irá directamente á Unwra; O nacionalismo galego na década dos 70, editado pola Fundación Moncho Reboiras. E nesta liña tamén presentaremos o último número da revista Terra e Tempo, dedicado á Asemblea Nacional-Popular Galega, da man do presidente da Fundación Terra e Tempo, Francisco Rodríguez, e de quen foi portavoz nacional da AN-PG, Lois Diéguez; e 50 Anos de Abril na Galiza, con Roberto Samartim e Margarita Ledo".

Mesas redondas 

A Galería das Letras e das Ideas acollerá, ademais, dúas mesas redondas, "unha dedicada ao auxe dos fascismos en Europa, en colaboración coa Fundación Coppieters, e outra sobre a problemática colonial", neste caso centrada nos desafíos medioambientais que enfronta a Galiza, cunha ollada posta nos ataques ao propio territorio a través de iniciativas eólicas e nas iniciativas industriais como a achegada pola portuguesa Altri.

Un ano máis o Festigal non renuncia á Feira do Libro, onde o público encontrará diferentes postos nos que achegarse á ultimas novidades, coñecer os títulos máis cobizados e conversar cos propios autores e autoras das súas obras. Rosa Aneiros, Alberte Blanco e Afonso Eiré asinarán exemplares a partir das 17.30 do 25 de xullo no espazo da Libraría Pedreira, que estará acompañada de oito editoriais: A Central Folque, AGAL, Baia Fernández, Boadicea, Cuarto de Inverto, Edicións Malafera, Patas de Peixe e Tempo Galiza Editora. 

Esgrima Tradicional

No mesmo horario de 15 a 21 horas estará aberto o Espazo Asociacionismo e o Espazo Mercado, "que xunto ao Infantil é un dos que máis demanda ten ano tras ano. Nesta ocasión xuntaremos 38 artesáns, dedicados a distintas especialidades, ás que sumaremos, por primeira vez, unha mostra de esgrima tradicional a cargo de Aldán L. Dacosta, que ademais dunha exhibición técnica dirixirá unha aula de iniciación xunto á Asociación Galega de Esgrima Antiga", sinala Lucía Veciño.

E como vén sendo habitual desde 2015, esta cuarta feira e esta quinta feira, o público do Festigal terá á súa disposición un punto de atención sanitaria e outro "lilá, cun protocolo activo contra calquera agresión machista ou LGBTIfóbica".

Vestir o Festigal

Outra das novidades desta edición é o lanzamento dunha camisola oficial coa imaxe gráfica do Festigal, obra do deseñador Bruno Lopes Teixeiro. Para facerse con ela, será necesario realizar unha reserva previa a través da páxina web festi.gal e habilitarán un posto específico no recinto para a súa recollida antes do 25 de xullo ás 18 horas. O prezo unitario é de 15 euros para os tres modelos á venda (unisex, entallado e crianzas) dispoñíbeis en varias tallas.