Un fillo da aldea que traballou toda a vida por amor a Galicia
O atributo “da aldea” repítese como un refrán ao longo da biografía de Antonio Fraguas. Nunca deixou de selo. As súas raíces mantivéronse incólumes ao longo de noventa e catro anos, sen se veren afectadas polas mudanzas de residencia ou de situación persoal e profesional. Ocórreseme pensar no noso personaxe como un Titán popular, non pola súa estatura física, senón pola talla humana que foi medrando cos anos e, sobre todo, porque necesitaba o contacto permanente coa terra nutricia, da que tiraba a súa forza.
Da súa nai aprendeu Antonio as primeiras letras e a criada da familia, unha muller analfabeta oriúnda das terras de Mondariz a quen chamaba mamá Antonia, foi a súa verdadeira mestra neses anos en que a sensibilidade e a memoria se nutren de contos e cantos, de oracións e sentenzas. Aprendeu como funciona o mundo participando nos traballos da facenda e a terra, nas muiñadas e nos seráns, nos xogos, na igrexa e nas romarías.
Na escola
Desde a distancia, Manuel Fraguas insistía en enviar o fillo á escola local, no veciño lugar da Costa. Este é o outro pólo da súa infancia, que don Antonio describe como unha escola cativa, cun mestre inculto e carente de vocación que maltrataba os alumnos e non ensinaba nada. Pero el non perdía o tempo. Dotado dunha intelixencia e unha curiosidade innatas, observaba a realidade circundante, os cambios da natureza, o ritmo das estacións, as pedras e as augas, que conformarían a esencia dunha cultura e unha vocación: Galicia.
Xa adolescente, veu redimilo daquel estado de ignorancia inducida outro mestre que abriu escola no lugar de Famelga cando o pai andaba a preparar unha segunda emigración, desta volta levando a familia canda si. Este novo mestre foi quen de adiviñar no rapaz unha disposición innata para o estudo e de convencer o pai de que o deixase quedar e lle dese “una carrerita”. E foi a resolución da nai a que inclinou a vontade paterna.
Antonio chega ao Instituto de Pontevedra con 13 anos. Aproba o ingreso e o primeiro ano por libre e incorpórase ás aulas en setembro de 1919. Inmediatamente é clasificado como “alumno da aldea”, pero iso non tivo nel un efecto adverso nin foi inconveniente para que se integrase entre os mozos da capital. O seu bo talante e simpatía, xunto coa súa esperta intelixencia, procuráronlle un lugar entre os alumnos destacados, e o máis importante para enxergar o futuro ía ser o profesor de Ética e Rudimentos do Dereito, Antón Lousada Diéguez, a quen había considerar para sempre seu mestre inesquecido. El inspiroulle o amor consciente por Galicia, que o alumno xa albergaba como un sentimento natural, de igual xeito que, andando o tempo, o mesmo Fraguas o inculcaría nas sucesivas xeracións que pasaron polas súas aulas na Estrada, en Lugo e en Compostela.
Dese momento en que coinciden na súa vida Lousada Diéguez como profesor e Sebastián González García-Paz como compañeiro das aulas arranca a súa entrega ás cousas da Terra. Na casa de Sebastián, onde se reunían para estudar na boa biblioteca da familia, un grupo de condiscípulos do último curso crean a Sociedade da Lingua. Aínda que a iniciativa tivo unha existencia efémera, porque os tempos andaban revoltos e os membros axiña se ían dispersar, sería o primeiro chanzo dunha traxectoria que logo tería continuidade en todas as institucións significativas na normalización da cultura galega.
Tempos de fraternidade
Remata o sexto curso no verán de 1924 con sobresaliente e matrícula de honor na disciplina que impartía Lousada Diéguez e o 30 de setembro colle o tren, por primeira vez na súa vida, para ir matricularse na Universidade de Santiago no Preparatorio de Filosofía e Letras e Dereito. Na Compostela do seu tempo de estudante iríanse enfiando o Seminario de Estudos Galegos, as Irmandades da Fala e, logo, o Partido Galeguista, onde se tece a fraternidade cos adaís do galeguismo, Otero Pedrayo, Risco, Cuevillas, e cos seus compañeiros de xeración, Xaquín Lorenzo, Ramón Martínez López, Xosé Filgueira Valverde, Lois Tobío, Alfonso Vázquez Martínez.
O matrimonio con Teresa Magariños, en 1932, supón un novo marco no itinerario vital de Antonio Fraguas. Logo do corte bárbaro da guerra civil e a ditadura, a partir dos anos 40 sucédense, ao compás da súa rehabilitación no ensino, a creación do Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento, o ingreso na Real Academia Galega, a Sociedad Económica de Amigos del País de Santiago, a Academia Galega das Ciencias, o Museo Municipal de Santiago e, xa en 1976, o Museo do Pobo Galego. Nestas entidades desenvolveu Fraguas un traballo constante, sistemático, en torno á historia e a cultura de Galicia en todas as vertentes posibles. E en cada un dos seus artigos, libros, conferencias, intervencións nos medios de comunicación, abrolla unha e outra vez o mundo rural e a tradición, con Cotobade como centro de toda experiencia tecida a partir da oralidade, a observación e o estudo.
A pesar da distancia física e simbólica que, desde a adolescencia ata o falecemento en novembro de 1999, o levou por outras estancias vitais, Antonio Fraguas nunca deixaría de ser fillo da súa aldea, Insuela, a clave mestra desde a que foi construíndo ese universo chamado Galicia ao que consagrou ilusión e esforzo e que deu sentido á súa vida.
[Este artigo forma parte do A FONDO especial sobre Antonio Fraguas que vai ser entregado co semanario en papel Sermos Galiza número 346 e que estará á venda a partir da quinta feira]