Francisco Rodríguez volve a Rosalía para continuar desvendándoa

Francisco Rodríguez. (Foto: Arxina)

A cuarta feira de 2 de outubro, Francisco Rodríguez presenta ás 20 horas no espazo Vide,Vide de Compostela o seu último libro, “Desvendando a Rosalía e a súa obra”, onde achega novas chaves para entender a máis grande figura das nosas letras.

Francisco Rodríguez é un dos investigadores de referencia sobre a figura e a obra de Rosalía de Castro. Autor da primeira tese de doutoramento sobre a escritora presentada na Galiza, publicada en 1988 baixo o título de Análise sociolóxica da obra de Rosalía de Castro, en 2011 deu ao prelo o volume Rosalía de Castro, estranxeira na súa patria, un monumental traballa de perto de 800 páxinas.

As achegas de Rodríguez resultaron decisivas para interpretar en todo o seu alcance a obra rosaliana, reparando na intencionalidade patriótica da súa obra mais tamén introducindo novas chaves como o seu carácter feminista ou o seu pouso socialista, derivado do influxo de autores como Fourier, Owen ou Proudhon.

Desvendando Rosalía e a súa obra, editado neste ano por Tempo Galiza, é a última contribución de Rodríguez a obra desta escritora. Un traballo, que se enmarca nunha liña interpretativa xa avanzada en 1970 na revista Grial  cun artigo titulado Carácter da literatura galega o exemplo da obra de Rosalía.

O novo volume de Rodríguez sobre Rosalía de Castro recolle diversos traballos publicados polo autor nos últimos anos arredor da grande poeta nacional galega. Precisamente, unha parte importante deles foron publicados nas páxinas de Sermos Galiza e Nós Diario.

Razón de ser

Tempo Galiza, a empresa editora deste libro, sinala que “nas páxinas deste libro vaise perfilando unha Rosalía pioneira non só na escrita en galego, mais tamén na defensa da Galiza fronte ao proceso de asimilación política polo novo Estado centralista español, coñecedora das ideas socialistas e profundamente identificada coas clases populares galegas, especialmente coas mulleres labregas”.

“Unha Rosalía coraxosa, consciente do seu papel e determinada a exercer como escritora pese a quen pesar e asumindo os custos persoais desa decisión”, continúa Tempo Galiza, “unha muller heterodoxa en múltiples aspectos. Unha galega que só se identificou coa súa patria e que nunca desertou da causa da Galiza. A nosa Rosalía”.

Presentación

O novo libro de Rodríguez será presentando ás 20 horas de 2 de outubro no espazo Vide,Vide de Compostela, nun acto de asistencia libre promovido pola Agrupación Cultural O Galo.

Rodríguez estará acompañado nesa xornada pola presidente da asociación O Galo, María Antonia Pérez e o autor do prefacio do libro e voceiro do BNG no Congreso dos Deputados, Néstor Rego.