A CRíTICA DE CINEMA DAS SEXTAS FEIRAS

'O Francotirador' de Clint Eastwood

 O marine Chris Kyle (Bradley Cooper) é destinado a Iraq en misión de cobertura. A súa precisión e puntería lendaria transcendeu tanto que os inimigos puxéronlle prezo a súa cabeza. Baseada en feitos reais.  

 

Ben é sabido a afinidade de Clint Eastwood co partido republicano, mais ate o de agora procurou sempre aportar un punto de vista máis ou menos distante a modo de crítica do sistema. En O Francotirador, o biopic do marine Chris Kyle, parece como que estivera influenciado pola recente morte do protagonista (real) a mans dun “amigo” fai agora dous anos, ou quizás só quería plasmar o sentir dun país que se cre que son os bos e os demais os malos.

Sexa como for, a sensación é a de que enxalza á personaxe, e por ende ao soldado americano. Como dicía, conta a historia de Chris Kyle, un texano pailán coa biblia, o rodeo e a defensa dos USA coma ideal máximo. Así que o paso natural na súa existencia é a de alistarse nos marines co fin de servir ao país. E así o fai. Tras un duro adestramento é enviado á Iraq tras o das Torres Xemelgas. Antes diso coñece a unha moza (Sienna Miller) e casa antes de marchares á guerra. A historia transcorre entón entre as idas á fronte e os retornos a casa. Faise unha lenda acadando o récord de mortes e seguindo a máxima de “non pensar” e “non deixar a ningún home atrás”.

Pouco a pouco retornar a casa nos permisos váiselle facendo cada vez máis costa arriba. nunha espiral de patriotismo rancio e compañeirismo bélico. Cal é a súa verdadeira familia? A muller que ve de cando en vez para facerlle un fillo? Ou os marines cos que está man a man todos os días e lle dan os parabéns nas costas por matar iraquís? Na trama non falta unha sorte de enfrontamento entre francotiradores estilo Inimigo ás Portas (1999, Jean-Jacques Annaud) da “lenda” contra un sirio, o cliché do malo malísimo carniceiro árabe con desaparafusador, momentos dramáticos de nenos con armas, familias colaboracionistas, asaltos heroicos... Estereotipos bélicos divididos en catro tomas, que son as veces de idas e vidas que ten Chris Kyle entre ir á fronte e o retorno “a casa”. Iso si, todo co selo Eastwood.

Porque á marxe de filias e fobias, Eastwood mantén o pulso cunha dirección que xa lle gustaría a moitos aos 84 anos -ou en calquera momento da súa carreira- e que lle valeu unha nova nomeación aos Óscars, cerimonia na que só acadou a estatuíña a Mellores Efectos Sonoros (dos seis que optaba). E non me estraña porque as balas parece que asubían ao carón. Efectos visuais de última xeración con momentos hiperrealistas onde se mostra toda a crueldade da guerra pero sen caer na casquería, boas interpretacións -sobre todo Bradley Cooper con cara de aparvado-, excelente fotografía de Tom Stern -habitual de Eastwood desde Débeda de Sangue- e banda sonora principal do propio Clint Eastwood, que ten o detalle para deixarlle a partitura final a Ennio Morricone para dar o necesario ton evocador e de vangloria definitivo do heroe, recordando, de paso, os seus inicios nos spaghetti-western.

Factura impecable e todo moi ben rodado. Iso si, dáme pena que non aproveitara o material que tiña entre mans para darlle unha boa labazada ás mentiras sobre a guerra de Iraq. Apunta un par de críticas veladas contra a guerra -no irmán que queda tocado, os veteranos mutilados e o sufrimento da muller de Kyle- pero son apuntes moi velados e o que queda resaltado é a glorificación do soldado. Enténdese ben porqué fixo o filme como o fixo, e de seguro que simplemente define gran parte da realidade do país, porén dáme pena igual... Con todo, Clint Eastwood é a verdadeira “lenda” da película.

O Francotirador

Título orixinal: American Sniper

Ano: 2014

Duración: 132 min.

Nacionalidade: estadounidense

Director: Clint Eastwood

Guión: Jason Hall

Fotografía: Tom Stern

Música: Clint Eastwood

Elenco: Bradley Cooper, Sienna Miller, Luke Grimes, Jake McDorman, Kyle Gallner, Keir O’Donnell, Owain Yeoman, Eric Close, Sam Jeager