Fronteiras e música na Mostra de Cinema Etnográfico do Museo do Pobo Galego
Aínda non se sabe da sección oficial, pero a décimo cuarta edición da Mostra de Cinema Etnográfico (MICE) do Museo do Pobo Galego vén de revelar as súas mostras paralelas: as fronteiras e a relación da música coa etnografía serán protagonistas.
“As fronteiras físicas e simbólicas, vistas desde a perspectiva de xénero, vertebrarán a sección Impropias”, explica a organización. Coordinada polas profesoras Margarita Ledo e Marta Pérez Pereiro, este apartado acolle filmes de realizadoras “que lindan nas marxes da industria audiovisual, preto dos circuítos de videocreación e a arte”.
O mundo da fronteira entre Estados Unidos e México é abordado por Ursula Biemann en Performing The Border. Sobre as relacións de Vietnam e o seu agresor imperialista trata Surname Viet Given Name Nam, de Trinh T. Minh-Ha. A cineasta galega Keina Espiñeira pensa sobre os límites físicos e políticos entre Europa e África en Tout le monde aime le bor de la mer -obra recoñecida e premiada.
Impropias complétase con Europlex, de Ursula Biemann e Angela Sanders, Mapping Journey #1, #2 e #3, de Bouchra Khalili, e mais Hyohakusha (camiñante sen rumbo) de Xisela Arias e Anxela Caramés.
A etnomusicoloxía é o eixe da outra sección paralela da MICE, Trazas, programada polo Cineclube de Compostela. O cinematógrafo á captura da música, ao cabo. Afro-American Work Songs in a Texas Prison, de Toshi Seeger, The End of an Old Song, de John Cohen, e Y tenemos sabor, da cubana Sara Gómez conformarán a primeira sesión.
The Wigan Casino, de Tony Palmer, explora as comunidades northern soul na Inglaterra dos 70. Sobre o fenómeno fan debrúzase Jeff Krulik e John Heyn en Heavy Metal Parking Lot; e sobre as escenas musicas do Sahel, Christopher Kirkley en I sing the Desert Electric. O rei da rumba catalá, Peret, centra Petites Planètes_volume 5_ Peret, de Vincent Moon, e o primeiro concerto dos desaparecidos Telephone Rouges -noise rock do Grove- nun piso da Coruña, rexistro[7]telephones rouges nun cuarto, de Rubén Domínguez.
Alentejo Alentejo, do brasileiro Sérgio Trefaut, pechará Trazas cun documental sobre o canto coral alentexano e as tensións entre tradición e mundo actual.
Nota: cartaz da 14ª MICE.