Gaiteiras Galegas denuncia que o Plan da danza da Agadic exclúe o tradicional
O pasado 1 de marzo a Agadic (Axencia Galega de Industrias Culturais) abría á participación cidadá o Plan integral para a danza (PID) co obxectivo de dar resposta á “necesidade de redefinir e revisar os alicerces, intereses e necesidades” que permitan potenciar e manter “o papel protagonista da danza entre a cidadanía”.
Mais entre as persoas que integraban o grupo de traballo coordinador de dito plan, alén de representantes de teatros e salas e entidades de danza contemporánea, non se atopaba ningunha representación do baile tradicional. En resposta, a Asociación de Gaiterxs Galegxs (AGG) fíxolle chegar á Agadic unha emenda na que se facía notar este feito e que posteriormente compartiron con Nós Diario.
"Enviamos a emenda a través dos pasos a seguir que había na web en relación ao achegamento de propostas e respondéronnos que o terán en conta para vindeiras mesas de traballo", conta Gustavo Couto, vogal da AAG.
"Diso extraemos que o equipo de traballo de agora está fechado", explica quen tamén é mestre do Obradoiro de Cultura Tradicional Ultreia, para engadir, que a pesar de valorar positivamente a iniciativa do PID, "non nos colle na cabeza como é posíbel que non se contemple un representante do baile tradicional, coa forza que ten no noso país, parécenos unha falla de sensibilidade".
"E demos outro paso, que foi o de ofrecernos como asesoramento por se queren incluír danza tradicional, non para ir nós, senón para indicarlles a quen se poderían dirixir", engade Gustavo Couto.
Asociacionismo e escola
Agadic mantén un programa, "Danza 3", no que tres formacións presentan os seus proxectos e desenvolven actuacións co apoio da Administración “pero para o resto de formacións non hai nada”, denuncia Couto, “escúdanse nas “industrias culturais” e a maior parte dos grupos de tradicional son asociacións, pero seguro que habería fórmulas para programar danza tradicional unha vez ao ano”, di.
O vogal da AGG explica que nas asociacións hai profesionais autónomos que se dedican tamén a formar bailadores e bailadoras. “Estamos a ter moitos problemas polo tema dos grupos reducidos (por mor da Covid-19), que se entende, pero é unha dificultade; igual que no relativo á cesión dos espazos para ensaiar, porque estando ao mesmo nivel hai concellos que che deixan usar os seus locais para ensaiar e outros non. É unha situación moi precaria”, conta o membro de Ultreia.