Rock e outras lerias

Galatic Empire, metal para friquis; por Isidro Rajo

Galactic-Empire

Polas roupaxes que se vían nas películas de Star Wars, xa eu andaba a sospeitar que  certa parte de seres afíns ao Imperio eran metaleiros. Sempre pensei que a Guardia Real Imperial tiña unha imaxe moi Doom, e que Vader tiña certa gustos máis escuros, tirando ao Black e o Dark Metal. Todo isto eran sospeitas, máis agora Galactic Empire veñen de confirmalas definitivamente.

A poucas semanas de que se estree a nova entrega de Star Wars, non podo evitar dunha das ideas máis irreverentes e por que non, comercial, que xurdiu nos últimos tempos. Galactic Empire , colle a idea sinxela  de interpretar os temas das bandas sonoras da famosa saga intergaláctica levándoa ao terreo do Metal.  A música de John Williams colle unha nova dimensión pero sen perder a súa esencia orixinal, xa que os temas son perfectamente recoñecíbeis e non é precisos ser amante do metal para desfrutar da súa escoita.  Galactic Empire, deuse a coñecer inicialmente nas redes a través de diversos vídeos e o seu suceso no mundo virtual foi quen de levalos a gravar este álbum.

 

O primeiro que chama a  atención da banda, sen tan sequera escoitalos é a súa  posta en escena. Como non podería ser de outro xeito,  Dark Vader  (Darth Vader) é o líder da banda e un dos encargados das seis cordas solístas. Xunto a el atopamos a Boba Set (Boba Fett)  na batería, ao garda real imperial Red Guard  e ao death trooper Shadow Ranger nas guitarras rítmicas e a ao comando de asalto Bass Commander  no baixo. Todos eles visten o seu uniforme que os fai perfectamente recoñecíbeis e cos que poderían ir até Tatoonie para  tomar uns vasos á cantina de Mos Eisley¸ aínda que seguramente preferirían ocupar o lugar da banda.

 

Para este álbum de debut, Galactic Empire,  escolleron os 11 temas máis emblemáticos da saga dos que o común dos mortais poden coñecer 3 coma moito e o resto queda friquis fans da saga. O tema inicial non podía ser outro que e o tema principal  de Star Wars,  sen dúbida un dos máis coñecidos e que no que as guitarras distorsionadas  fanse co espazo da orquestra. Cabe destacar que nunha acertada decisión, non levaron os temas a son extremos e radicais, se non que tras imprimirlles a dureza propia do xénero apostaron por que foran temas de fácil escoita e nos que non aceleran máis do preciso o tempo.  Este corte xunto coa Marcha Imperial Cantina Band, sexan os temas máis emblemáticos para os profanos, máis non quere dicir que sexan os mellores. De non sacar fora os sentimentalismos propios de 40 anos da saga eu estaría escoitando unha e outra vez a Marcha Imperial  pero sendo xustos con este traballo temas como  O Campo de Asteroides ou o Tema da Forza  gañan seu direito a ser escoitados, por non falar do  impresionante tema final da Sala do Trono.

 

Estamos ante unha reinterpretación de temas dunha das bandas sonoras máis coñecidas e que foi composta por un dos máis grandes compositores de bandas sonoras: John Williams (Tiburón, Indiana Jones).  Para os amantes do metal  seguramente parecera aburrida, para os mais friquis será algo imprescindíbel e para os fans da saga unha sentida homenaxe. Pode ser un xeito sinxelo de achegarse ao mundo das bandas sonoras e por suposto ao de Star Wars. Só ten unha única contraindicación: Absterse trekkies!

Nas redes:

FB: https://www.facebook.com/galacticempireofficial/

Twitter: @GalacticEmpire8