Galiza ultima os preparativos para o San Xoán: drons, dispositivos especiais e 'puntos violeta'

Un rapaz saltando unha cacharela no San Xoán da Coruña de 2023. (Foto: M. Dylan / Europa Press)
Desde o ámbito sanitario apelan a actuar con sentido para evitar queimaduras, así como a seguir recomendacións, entre elas non prender o lume con líquidos inflamábeis e en papeis ou tecidos ou garantir que non haxa posibilidade de que se reavive o fogo unha vez apagada a fogueira.

Numerosos municipios galegos ultiman, un ano máis, os preparativos para a celebración da festa de San Xoán após a publicación dos respectivos bandos coas normas básicas que deben cumprirse e os requisitos para solicitar permiso para cacharelas. Todo iso con chamamentos á prudencia para evitar incidencias e solicitando a implicación cidadá para deixar as zonas onde se realicen as fogueiras, sardiñadas ou churrascadas no estado previo, sen restos de lixo.

Será, ademais, no marco dunha xornada que contará con dispositivos de vixilancia, uso de drons ou a implantación, un ano máis, dos 'puntos violeta' para denunciar calquera tipo de caso vinculado cunha agresión machista.

Na Coruña, cidade na que o San Xoán está declarado Festa de Interese Turístico Internacional e onde se prevé que miles de persoas enchan novamente os areais, haberá unha programación especial, fogos artificiais e 'queima de falla', coa actuación de Mikel Erentxun pouco despois das 00.30 horas.

Isto baixo un amplo dispositivo de seguridade, incluídos drons —como o que usará algún municipio máis—, integrado por 650 persoas ante a previsión de que máis de 150.000 persoas estean nas praias do Orzán, Riazor e Matadoiro, con prohibición do baño a partir das 22 horas.

O dispositivo inclúe cámaras de vixilancia e estará operativo até as 6 horas da madrugada do día 24, cando se desaloxarán as praias para a limpeza. Isto, no entanto, cun aviso de folga por parte do Sindicato de Traballadores de Limpeza (STL) a partir dese día, unha situación que tamén se da no municipio veciño de Carballo, onde o persoal secunda un paro.

Posíbeis multas

En Vigo —onde os grupos da oposición volveron demandar, coincidindo coa a proximidade desta data, medidas urxentes pola "falta de bombeiros"— estarán prohibidas as fogueiras en praias, parques e xardíns públicos, mentres que Nigrán (comarca de Vigo) implantará un dispositivo de vixilancia en Praia América para impedir que se fagan grandes buracos no areal de cara a preservalo e con posíbeis multas de até 200.000 euros, segundo apuntaron desde o consistorio.

Outros concellos consultados afirman que o risco de ser multados existe se non se cumpren as normas pero apuntan ao bo comportamento existente a este respecto por parte da cidadanía, sen necesidade, engaden, de que sexa necesaria exercer esta posibilidade.

E é que as limitacións sobre as fogueiras son practicamente coincidentes nos municipios en relación, entre outras cuestións, ao perímetro de seguridade que debe existir sobre as zonas de edificios, árbores ou mobiliario público, sexan zonas urbanas ou rurais.

Varían os horarios até os que se permiten, nalgúns casos até as 4 horas da madrugada, e con prohibicións como acceder con vidro ás praias, en caso de estar permitidas as cacharelas nelas.

Prevención e concienciación

Tamén existe coincidencia sobre os materiais prohibidos: pneumáticos, plásticos, latas, botellas ou materiais de PVC de cara a evitar incidencias e con prohibición de facelas baixo tendidos eléctricos ou telefónicos.

A celebración incluirá, mentres, propostas variadas en canto a programación paralela. As sardiñadas e churrascadas marcarán, un ano máis, unha xornada na que, xunto ás fogueiras e a comida festiva, haberá distintas propostas musicais, sen esquecer as tradicionais orquestras.

Mentres, desde o ámbito sanitario apelan a actuar con sentido para evitar queimaduras, así como a seguir recomendacións, entre elas non prender o lume con líquidos inflamábeis e en papeis ou tecidos ou garantir que non haxa posibilidade de que se reavive o fogo unha vez apagada a fogueira. "Prevención e concienciación", resumen desde a Unidade de Queimados do Hospital da Coruña.