A Galiza de Ambrosio Morales
No ano 1572, Ambrosio de Morales, por orde do Rei Filipe II, fixo unha viaxe a Galiza para inventariar reliquias de santos, sepulcros reais e libros manuscritos das catedrais e mosteiros.
O resultado desa investigación consérvase na Biblioteca Nacional de España nunha copia manuscrita. Tamén na mesma BNE se garda a edición de 1765, impresa pois case 200 anos despois de ser escrita e publicada en Madrid por Antonio Marín, con notas, coa vida do autor e co seu retrato. Sen dúbida sería útil comparar o estado de todo o patrimonio descrito por Morales no século XVI co estado actual de moitos daqueles predios, non só por algúns estaren hoxe en ruína senón tamén polas transformacións realizadas, especialmente no período Barroco. Moi interesante é a descrición do altar maior da catedral de Santiago. A viaxe comeza por Lourenzá e finaliza no Cebreiro, en cuxa igrexa está “el misterio del Santísimo Sacramento” mais non fai ningunha alusión ao cáliz.
Resulta moi curioso o método de autenticación de reliquias que Morales utiliza. Mais non imos falar diso.
A peste e o grande río
Morales entra en Galiza procedente de Asturias. Non visita Lourenzá nin Mondoñedo. Razón: “la gran peste que allí había”. Durante a segunda metade do século XVI, as vagas de peste foron frecuentes na Galiza. Baiona, Caldas de Reis, A Coruña, Betanzos, asolado pola peste e logo por un incendio cara a 1563, Vigo, onde se di que en 1569 morreron máis de 5000 persoas e, como moitos marcharon para o monte, non houbo quen os enterrase. En Mondoñedo, entre o verán de 1571 e o outono de 1572, coincidindo pois coa viaxe de Morales, os episodios de peste foron altos.
Deixando atrás os episodios de peste, Morales continúa cara a Meira onde non encontra nin reliquias, nin libros nin enterramentos mais fica sorprendido polo nacemento do Miño, porque nace “harto diferente que los otros ríos grandes suelen nacer, porque nace en un valle harto pequeño en tierra llana” e o que máis chama a atención, a fonte: “es muy grande, de un tiro de piedra de largo y la mitad de ancho, y de todo el suelo, que es llano, y lleno de guijas, salen grandes borbollones ácia arriba, y a tiro de ballesta ya es un gran río”. Ningunha mención ao pedregal de Irimia.
Lugo
O seguinte destino de Morales é Lugo, onde desde o punto de vista da súa viaxe non encontra nada interesante, nin libros, nin reliquias nin enterramentos reais. Equivócase ao dicir que “la ciudad es quadrada” pois non é así o trazado da muralla e aproveita para censurar que os bispos galegos se “intitulen Obispo y señor de la Iglesia y ciudad ...” a diferenza dos bispos casteláns que prescinden de “Señor de la Iglesia”, xa que tal cousa ofende ao escoitalo. Non achando cousas que encaixen no seu inventario, Morales describe a cidade, especialmente os baños que están na ribeira do Miño, que xa cheiran a xofre a cen pasos.
A hidria de Cambre
A pesar de que o rei lle encarga que lle traia “razón y certificación por vista de ojos” Morales fai unha boa parte do seu inventario segundo, e seguindo, o que lle contan, e non o que el pode comprobar. Tal é o caso da hidria que se conserva en Cambre, priorato bieito suxeito ao mosteiro de San Martiño Pinario de Compostela. Aquí só é inventariábel unha hidria “de las de Caná de Galilea”, semellante á que se conserva na catedral de Oviedo. As hidrias son, segundo a tradición bíblica, as tinallas utilizadas para converter a auga en viño nas vodas de Caná. A de Cambre sería unha das seis que se utilizaron (“Alí había seis grandes tinallas para auga, das que usan os xudeus nas súas cerimonias relixiosas ...) e parece case seguro que este enorme recipiente calcáreo foi traído polos Templarios desde Xerusalén.
O lago que mide dous tiros de arcabuz
Monfero e Sobrado son os derradeiros destinos de Morales antes de chegar a Santiago. De Monfero di que é un mosteiro “no muy grande”. A viaxe de Morales coincide co desaparecimento das vellas, e pequenas, instalacións e a substitución polas que chegaron a nós, segundo se deduce das palabras dun monxe que, en 1668, isto é, 96 anos após a viaxe, afirma que: "todos los edificios se han hecho de nuevo de ochenta años a esta parte.
Santiago
En Santiago o viaxeiro Morales fai unha crónica máis polo miúdo. Xa nos advirte que “aqui se dirá todo por entero” Máis de 12 páxinas de reliquias, historias, monumentos e comentarios. Isto fica para a próxima.