A Galiza chora o pasamento de Aurichu Pereira

A pintora Aurichu Pereira, en 2011.
O mundo da cultura e da política mostran as súas condolencias

O falecemento, a pasada cuarta feira, da pintora Aurichu Pereira, provocou a publicación dun gran número de mensaxes de condolencia que dan boa conta do respecto e cariño que se lle profesaba á que foi compañeira de Xosé Manuel Beiras. 

O BNG -formación na que militou- do concello de Brión -onde residía- publicou unha mensaxe na que destacaba o seu perfil comprometido. Tamén o candidato do PSdeG á Xunta de Galiza, Xosé Ramón Gómez Besteiro mostraba as súas condolencias a familiares e achegados. E desde o espazo de Sumar era Marta Lois, deputada no Congreso, quen a lembraba. 

Outras moitas personalidades da política mostraron o seu pesar, entre outras, Ana Pontón, candidata do BNG á presidencia da Xunta; Goretti Sanmartín, alcaldesa de Santiago; ou Martiño Noriega, portavoz nacional de Compostela Aberta. Entidades como A Mesa pola Normalización Lingüística ou a Plataforma Carlos Maside e, en especial, a Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA) e numerosas figuras da arte e da cultura, entre as que se contan o propio presidente da RAGBA, Manuel Quintana Martelo, Helena Villar Janeiro, Manuel Rivas ou a Plataforma Carlos Maside.

 

 

Carreira artística 

Filla dun mestre republicano de Vedra que foi represaliado polo franquismo, Aurichu Pereira foi discípula de Carlos Maside dende moi nova, con apenas 16 anos. 

Dende os anos sesenta interesouse no movemento plástico de gravado da Estampa Galega, participando en diversas exposicións colectivas e motivando o interese de Luis Seoane pola súa obra. En 1973 participou na exposición de Xóvenes Artistas Galegos, promovida por Luis Seoane e Reimundo Patiño, baixo o patrocinio do Concello da Coruña. 

Posteriormente, por motivos laborais, deixou de participar públicamente nas actividades artísticas, retornando a elas en 1999. Porén, a súa actividade artístia non se detivo e do 1973 ao 1999 deseñou ropa e obxectos para a súa propia tenda. 

Xa no século XXI volveu amosar as súas obras en mostras públicas, con exposicións individuais en diversas cidades e participando en exposicións colectivas. Destacou o seu proxecto Meu Courel Imaxinario, que mostrou en varios centros culturais do país.