Videoensaio sobre a imaxe do país no cinema foráneo

A Galiza filmada que non existe

Fragmento de 'Galicia filmada desde fóra', de Brais Romero.

Unha paisaxe rural, en que a lingua é obliterada e mesmo monstruosa, o estraño irrompe e as relacións sociais aparecen mediadas pola lenda e a maxia. Eis a Galiza que compoñen olladas distintas e distantes de 13 cineastas foráneos. Explícao o videoensaio de Brais Romero Galicia filmada desde fóra.
 

Entre En la red de mi canción (Mariano Ozores, 1971), filme á maior gloria de Andrés Dobarro, e a Julieta (2016) de Pedro Almodóvar, Romero partiu de dúas premisas: os directores das obras analizadas non podían ser galegos e a acción das mesmas debía transcorrer en Galiza. “Non hai tanto cinema que suceda en Galiza como pode parecer”, explica a Sermos Galiza, “e, ao tempo, comprobei que os clixés máis rancios seguen a operar”.

 

Galicia filmada desde fóra from Brais Romero on Vimeo.

 

En case nove minutos, a súa peza ensaística ofrece conclusións nidias. “Galiza nunca pode ser unha cidade, é sempre unha sorte de paisaxe rural. E o uso da lingua é un recurso cómico”. Ou o idioma dos monstros, como acontece en Dagon (Stuart Gordon, 2001), narración lovecraftiana rexistrada en Combarro e estreada no Festival de Sitges.

 

A investigación de Brais Romero arrinca coas impresionantes secuencias da Morte e a doncela (1994) gravadas por Roman Polanski en Valdoviño -aínda que a trama sucede na Arxentina e realiza un axuste de contas cos represores da Xunta Militar de Videla. A través de fragmentos de 13 filmes corcosidos por medio da montaxe e subtitulados coas teses do autor do videoensaio, Galicia filmada desde fóra apenas salva a representación que, do país, constrúe Alejandro Amenábar en Mar adentro (2004).

 

“Hai filmes coma o de Amenábar que non abundan nos clixés”, expón Romero, “en que a lingua galega está presente, hai cidades -A Coruña, neste caso-, e pódese ver unha sociedade, a galega, moderna”. Resiste o que entende como “centralismo cinematográfico” e que provoca situacións antirrealistas nun filme de vocación realista como Los lunes al sol (Fernando León, 2001): as pintadas do naval en loita contra a reconversión en Vigo están escritas en castelán.

 

“Se hai unha grande esquecida na representación de Galiza é a lingua”, afirma Galicia filmada desde fóra. Ao cabo, ese centralismo cinematográfico que critica o investigador implica a “homoxeinización” da ollada. Todo o mundo quere ser Hollywood. Os lugares comúns reprodúcense, tanto ten que sexan The bells (Claudio Guerin Hill, 1973) ou The Way (Emilio Estévez, 2010). Mais existen outras perspectivas.

 

O exitoso Dhogs (2018) de Andrés Goteira vén á cabeza de Romero como unha maneira distinta de mirar Galiza desde o cinema. “A paisaxe tamén aparece no cinema experimental, pero é outra forma de mirar, sen exotización”, di. Porén, esta versión máis axustada xa non é asunto de Galicia filmada desde fóra, un ensaio videográfico dos entre case 30 facturados por Brais Romero.

Galicia filmada desde fóra from Brais Romero on Vimeo.