Germán Estévez, creador de Galiportus: "Queremos que a xente da Galiza escoite falar de Portugal e que alí se afagan ás cuestións galegas"

Germán Estévez naceu en Iruña e reside actualmente en Allariz (Foro: Nós Diario).
Germán Estévez (Iruña, 1982) é o creador e condutor de Galiportus, un podcast de contidos que busca pór en valor a relación entre a Galiza e Portugal tratando diversas cuestións que afectan e interesan a ambos os países.

—Por que tiña interese en crear este podcast?
Desde pequeno sempre me gustou a radio. Con todo, a nivel profesional, non tiven a oportunidade de tirar cara ao xornalismo ou a comunicación, senón que acabei no eido social. Agora, de adulto, reinventeime e acabei facendo un grao a distancia. Así, aproveitei para facer un proxecto de fin de grao que vinculara todo o que me gusta. Claro, eu son, relativamente, de perto da raia. Toda a miña familia é da zona de Celanova e foi onde medrei despois dos meus primeiros anos de vida en Nafarroa.

Unha vez que rematei esa etapa académica, comezou a colaboración con Radio Allariz no outono pasado, aínda que segue a ser un programa totalmente altruísta, lonxe de que poidamos vivir del. A idea era facer un programa quincenal, mais temos tantas temáticas e hai tantas persoas que queremos convidar que estamos facendo dous episodios á semana. É unha marabilla! Con este podcast intento normalizar a cuestión galaicoportuguesa, permitir que a xente escoite outras persoas falando das súas cousas e de temas moi diversos á galega e á portuguesa.

—Aborda temas moi diversos e ademais incluíndo a perspectiva de ambos os países.
Queremos chegar a moitas cousas que compartimos en común, mais tamén incluír esa dobre perspectiva. Por exemplo, cando foron as eleccións galegas intentamos abordalas tendo en conta como se vivían desde o lado portugués e o mesmo cando foron as eleccións portuguesas. Fixemos tamén varios programas especiais relacionados co 25 de Abril. Falamos de cinema, música, rally, evidentemente de lingua, da ligazón de Vigo e Porto a través do tren..

Temos moita sorte tamén porque ninguén nos di que non e veñen participar con moito entusiasmo. Estamos intentando desenvolver un especial que chamamos o Marco, incluíndo historias de fronteira. 

Até o de agora só puidemos facer catro; dous sobre a fala, sobre esa mestura entre o galego, o portugués, o asturiano e o leonés que se fala no norte de Cáceres, e dous sobre a lingua mirandesa, recoñecida no nordeste portugués. Tamén temos pendente tratar outras temáticas, como o viño, o reintegracionismo, os incendios, o galego na Unión Europea, a turistificación...

Parécenos moi importante abrirnos a todo tipo de contidos e non ancorarnos sempre na cultura, que está moi ben e por iso é un dos piares do podcast, mais cremos que hai moito máis do que se pode falar.

—Por que facer esta análise coa dobre perspectiva?
Para nós hai unha continuidade evidente, até o Douro como mínimo, que é até onde intentamos abranguer. Estamos moi unidos, pero á vez tamén somos uns grandes descoñecidos. Queremos que a xente da Galiza escoite falar de Portugal e que a xente de Portugal se afaga a escoitar cuestións galegas con normalidade e ademais de cuestións que están afastadas dos medios habituais. De feito, cando falamos con persoas de Portugal confírmannos que Galiza non está presente nos medios, que se trata como unha cuestión minoritaria.

E polo lado galego xa sabemos que acontece algo similar: Portugal, incluso nos medios tradicionais, trátase na sección de internacional ao lado de Singapur ou Kenia. Estamos perto, mais seguimos lonxe para moitas cousas. E algo estaremos facendo ben, porque cada vez hai máis xente que nos escoita. Imos creando comunidade.