CRÍTICA DE ROCK E OUTRAS LERIAS

Ghost Bath: Starmourmer

Starmourmer é o terceiro e moi agardado Lp de Ghost Bath, que após o fulminante éxito do seu anterior traballo, Moonlover, se colocaron na primeira liña do panorama blackgaze. Neste álbum a banda concreta claramente cal é a súa evolución e o camiño que decidiron tomar.

Cando nos atopamos ante unha banda que fai black metal atmosférico  e blackganze, o que agardamos son minutos de temas escuros, tristes e depresivos. Iso mesmo foi  o que fixeran Ghost Bath até hoxe. Funeral  e sobre todo Moonlover movíanse entre as máis escuras e tristes sensacións, facendo as delicias dos seguidores do xénero.  E cando un espera da banda unha continuidade polo camiño emprendido no que tanto éxito recolleu, sorprende que a nova proposta da banda sexa explorar os camiños da felicidade e o mundo multicores do arco da vella con elementos do Black Metal. 

 

Xa sorprende dende un inicio coas pasaxes de piano de Astral, o tema co que abren o disco, que podemos deixar pasar por tratarse dunha introdución mais. Porén, cando o segundo corte comeza cuns riffs post black metal que son incapaces de agochar a súa felicidade, somos conscientes de que o que temos nas mans non ten nada que ver co que as nosas orellas agardaban. Se ben a produción dos temas mellorou notabelmente, achamos certos momentos de confusión nas partes que máis aceleran, cousa que tiñan moi ben resolta nos traballos anteriores onde cada instrumento podía ser claramente distinguido. E proba diso é Ambrosial, no que as partes melódicas son excesivamente melódicas e os pasaxes máis contundentes, crean unha muralla de son practicamente indescifrábel.

 

O que é innegábel é que Ghost Bath, fora dos gustos persoais pola evolución, teñen unha calidade  excepcional para crear ambientes e xogar coa amplitude de posibilidades que dá o xénero, mesmo para experimentar novas aperturas no momento de crear ambientes, se ben a excesiva duración do álbum fai que por momentos chegue a se facer pesado e falto de orixinalidade nalgunhas pasaxes, como é o caso de Angelic, que podería ser unha delicia acústica de non ser o sexto corte do álbum e durar máis de 5 minutos, ou Celestias que, durante os seus máis de 8 minutos, ninguén foi quen de coidar as voces para que non estragaran unha das mellores interpretacións que fai a banda nesta entrega.

 

Neste disco a banda afástase bastante  a súa parte black metal  para dar máis protagonismo a parte shoeganze, o que fai perder a esencia de quen eran. Xa non atopamos elementos que o enmarquen dentro do clásico black  ou death, pero co exceso de optimismo e luz que teñen os novos temas, seguro que atopan novos seguidores que antes nin se achegaban. Se está errados ou atinados con esta nova dirección, será o tempo quen o diga, máis a miña opinión é que non van polo bon camiño se queren conservar o conseguido até agora.

 

GHOST BATH NAS REDES

WEB: http://www.ghostbath.com/

FACEBOOK: https://www.facebook.com/blackghostbath/

TWITTER: @GhostBath

 

LISTAXE DE TEMAS

1. Astral

2. Seraphic

3. Ambrosial

4. Ethereal

5. Celestial

6. Angelic

7. Luminescence

8. Thrones

9. Elysian

10. Cherubim

11. Principalities

12. Ode