CRÍTICA DE ROCK E OUTRAS LERIAS

Ghost: Popestar

Tras gañar este ano o Grammy á mellor interpretación de Metal, Ghost, a banda máis enigmática do panorama actual, volve con Popestar, un EP de 5 temas, que inclúen un tema inédito e catro versións. Este traballo ben podía ser unha continuación do seu anterior álbum, o espectacular Meliora¸ máis tamén se presenta coma unha ponte ao que pode ser o vindeiro álbum que verá a luz en 2017.

Recoñezo que dende a primeira vez que os escoitei, e disto vai para uns seis anos, a banda liderada polo Papa Emeritus foi quen de captar a miña atención crendo que podería ser unha das grandes revelacións do panorama musical. Pasou xa tempo de aquel Opus Eponymous, e Ghost demostrou ser algo máis que unha banda de Doom Metal. O proxecto global vai máis alá, até unha banda conceptual, co seu propio mundo tan consolidado que nin a variación do membros da banda (Namless Ghouls)  é detectada, agás a do propio Papa Emeritus que é posta en escena, aínda que a sospeita é que Emeritus I, Emeritus II e Emeritus III son a mesma persoa.

Popestar abre con Square Hammer, o único tema propio da banda, na que os teclados son a base sobre a que se desenvolve todo o tema dándolle un ambiente oitenteiro e melódico que chega a enganchar. Este tema demostra que as melodía sinxelas seguen a ser as que mellor funcionan. Destaca a mellora vocal de Emeritus III, que é tónica xeral en todo o traballo.

Nocturnal Me é unha versión da banda inglesa de postpunk Echo and the Bunnymen. O tema soa máis  pesado que o orixinal e con moito máis corpo no que a voz do Papa Emeritus III xunto cos teclados crean unha atmosfera lúgubre que te atrapa. 

I Believe é a versión dun tema da banda de música electrónica Simian Mobile Disco na que Ghost conseguen converter un tema realmente horrible nunha obra de arte. Neste tema prescinden de toda base rítmica para centrarse unicamente nos teclados e nas voces, cun resultado que non só supera a orixinal, senón que deixa aberto moito xogo para futuras versións en directo.

Missionary Man, versión do tema de Eurythmics,  é simplemente espectacular. Respectando o espírito da orixinal, non fan máis que mellorala a cada segundo de interpretación. Un tema que te pide escoitalo de seguido unha e outra vez e que compite con Square Hammer por ser o mellor do EP. 

Bible é o tema menos coñecido, xa que é unha versión da banda sueca de postpunk Imperiet.  Bible é unha fermosa balada melódica que cuns fermosos xogos vogais fan que o tema vaia in crescendo e collendo aires preciosistas. 

Todo o que podo dicir deste traballo de Ghost é que me deixou con ganas de máis e sobre todo de volver a desfrutar deles en directo, aínda que polo de agora non teñen anunciado xira europea. 

LISTAXE DE TEMAS

Square Hammer

Nocturnal Me 

I Believe

Missionary Man 

Bible

GHOST NAS REDES

Web: http://ghost-official.com

Facebook: http://facebook.com/thebandghost

Twitter: @thebandghost