CRÍTICA DE CINEMA

'Ghostbusters'

Un remake do clásico filme de  Ivan Reitman. 

CAZAPANTASMAS
Ghostbusters
(EUA 2016, 116 min.)
Dirección: Paul Feig
Guión: Katie Dippold e Paul Feig
Fotografía: Robert D. Yeoman
Música: Theodore Shapiro
Elenco: Kristen Wiig, Melissa McCarthy, Kate McKinnon, Leslie Jones, Chris Hemsworth, Neil Casey, Karan Soni, Zach Woods, Andy Garcia, Cecily Strong, Ed Begley Jr., Steve Higgins, Michael McDonald, Charles Dance, Bill Murray

SINOPSE
Unha serie de fenómenos paranormais están sucedendo por toda Manhattan. Tres científicas especializadas en espectroloxía crean un servizo de cazapantasmas para evitar que a cousa empeore.

CRÍTICA
“Ver, ou non ver, velaí o dilema”. Ardua loita interna antes de tomar a difícil decisión de ver, ou non, este reboot/remake feminino dos Cazapantasmas de Ivan Reitman. Por un lado había unha voceciña que me dicía un rotundo “non!, trátase dun remake totalmente innecesario dun filme mítico que che gustou moitísimo e que por riba ten un dos trailers máis odiados da historia. Nin o penses sequera!”. “Pero voceciña, na produción figura Ivan Reitman”. “Iso non quere dicir nada! ...ou xa non lembras aquela pseudo-secuela titulada Evolution que perpetrou en 2001?”. “E certo, non sei en que estaría pensando... perdoa”. Parecía unha decisión ben sinxela, pero había outra voceciña poderosa facéndome dubidar ante o evidente.

Outra voceciña alimentada de nostalxia, certa curiosidade cinéfila e máis un incorrixíbel espírito escéptico que apuntaban a que, antes ou despois, acabaría picando. E así foi... Piquei. Mais oh, sorpresa! non saín escaldado. De feito, prestoume. E é que Cazapantasmas conta cun guión ben engraxado, entretén e, sobre todo, fai rir. Algo que, francamente, non esperaba en absoluto... Para empezar non se trata dun remake “sen máis” onde só cambian o sexo dos protagonistas. As catro cazapantasmas, ademais de teren unha personalidade propia e ben definida no filme, son catro das mellores cómicas norteamericanas do momento: Melissa McCarthy (Espías), Kristen Wiig (Diario dunha moza adolescente), Kate McKinnon (De-mentes criminais) e Leslie Jones (E de súpeto ti). As catro saíron do Saturday Night Live (SNL) así como unha boa parte do elenco. De feito hai tantos que pasaron polo programa que case semella unha convención do SNL. Así que tampouco é de estrañar a compenetración case perfecta de todo o reparto que se atreveu, co beneplácito do director Paul Feig (Espías, Corpos especiais), a improvisar en boa parte do filme. A sensación final é de que o deberon pasar “de medo” facendo Cazapantasmas, e iso acábase notando nas boas vibracións que transmiten no respectábel. Humor moi SNL con chiscadelas veladas a filmes coma O xovenciño Frankenstein (1974, Mel Brooks) ou Little Nicky (2000, Steven Brill), entre outras moitas que farán as delicias dos cinéfilos máis avezados. Atención tamén a Chris Hemsworth (Thor en Os Vingadores), e non só polo físico pillabanas e pillabáns...

Para os nostálxicos téñennos preparada unha boa ración de cameos

Para os nostálxicos téñennos preparada unha boa ración de cameos onde saen todos os da saga orixinal (ou case...), incluído o de Harold Ramis, finado en febreiro de 2014 e a quen vai dedicado o filme. Unha homenaxe dignísima, por certo... Só hai estar un pouco atento e pillar onde ten a aparición ...e en que forma. Os cameos non rechían, están bastante ben integrados na historia e non despistan ao persoal máis aló do momentáneo “olla aí!”. Por suposto tampouco podía fallar unha boa ración de product placement, efectos especiais de última xeración (mais sen abusar), e un final por todo o alto. Falando de finais... queden até o remate dos títulos de crédito porque, ademais de ser un xesto de boa educación, hai sorpresa final... De feito, máis de unha.