Crítica de cinema das sextas feiras

"A Grande Ilusión", unha das cimeiras de Jean Renoir

Pierre Fresnay e Jean Gabin nun fotograma do filme

A GRANDE ILUSIÓN

La grande illusion

(Francia 1937, 113)

Director: Jean Renoir

Guión: Jean Renoir e Charles Spaak

Música: Joseph Kosma

Fotografía: Christian Matras

Reparto: Jean Gabin, Erich von Stroheim, Pierre Fresnay, Marcel Dalio, Jean Dasté, Dita Parlo

 

SINOPSE

Dous oficiais franceses chegan un campo de concentración alemán durante a Primeira Guerra Mundial. Inmediatamente son informados de que se está a escavar un túnel de fuxida. Unha repentina segregación que separa oficiais de soldados desbarata a operación e lévaos ao Campo de Prisioneiros número 14, dirixido polo comandante Von Rauffenstein.

 

CRÍTICA

A Primeira Guerra Mundial (1914-1918) acabou con case 10 millóns de persoas nun sanguento conflito que cambiou radicalmente a civilización occidental. Non foi tanto unha guerra entre países senón unha guerra entre status sociais. Jean Renoir (Os baixos fondos, A besta humana), sen ningunha escena bélica, logra trasladar maxistralmente este conflito de clases en A grande ilusión.

 

Co-escribe, xunto ao reputado escritor belga Charles Spaak, un historia que se desenrola nun campo de concentración alemán presidido polo comandante Von Rauffenstein, interpretado polo actor-director-produtor austríaco Erich von Stroheim. Alí recala un exultante Jean Gabin, no rol do tenente de campo Maréchal, e o capitán Boldieu (Pierre Fresnay), un oficial francés co que Von Rauffenstein pronto tratará de iniciar unha amizade debido á súa afinidade aristocrática.

 

Antibelicismo, camaradería, humanidade, amizade, romanticismo e loita de clases son os ingredientes que utiliza Renoir para esta sinxela película chea de diálogos de fina retranca, atemporais e progresistas, con personaxes ben definidos, grandes actuacións e escenas que quedan gravadas a lume na retina. Unha obra mestra que abrangue desde a ambientación, o vestiario, a impresionante fotografía en branco e negro de Christian Matras ou a música do húngaro Joseph Kosma. Unha banda sonora que encaixa perfectamente coa música popular do momento e, por suposto, soa “Marsellesa”.

 

Renoir adopta unha posición practicamente neutral apostando polas cousas en común dos inimigos máis que polas cousas que os separan. Desde o principio Renoir supón que os seus filmes serán vistos por un público intelixente e por tanto deixa que saque as súas propias conclusións, cousa que sempre é de agradecer. Non hai moito cine que fale da Primeira Guerra Mundial. En comparación coa Segunda Guerra Mundial, hai apenas unha ducia de obras destacables que traten desta contenda. Desde diferentes perspectivas está por exemplo o relato antibelicista Senderos de Gloria (1957, Stanley Kubrick), o episodio histórico que relata Bo Nadal (2005, Christian Carion) ou Gallipoli (1981, Peter Weir), desde o punto de vista australiano, pero ningunha explica mellor o que foi a Gran Guerra e as súas consecuencias coma A grande ilusión. A aristocracia fronte á burguesía e a clase media-baixa nunha Europa que acabou cedendo a supremacía mundial aos Estados Unidos e foi o xerme dun novo modelo político internacional. Foi considerada película de referencia para Roosevelt, declarada inimiga número 1 por Goebbles e prohibida en Italia, aínda que curiosamente levara o Premio á Mellor Contribución Artística en Venecia e fora nomeada á Copa Mussolini ao Mellor Película Estranxeira. Tamén foi a primeira película estranxeira da historia nomeada á Mellor Película nos Premios Óscar da Academia de Hollywood. A partir de A grande ilusión o cinema de cárceres xa non sería o mesmo e desde entón foi todo un referente para ese subxénero de evasión carceraria. Beben dela A gran evasión (1963, John Sturges), Evasión ou victoria (1981, John Huston) ou A ponte sobre o río Kwai (1956, David Lean), por citar as máis evidentes. Toda unha obra mestra do cinema francés, e por extensión do cinema mundial, sobre as relacións humanas, a igualdade, a fraternidade e a guerra.

 

Ata o vindeiro 9 de xuño témola en pantalla grande no Nocturama’18 dos Numax Compostela.