MÁIS

Guísamo, raíces da Galiza

Aida Tarrío, Sabela e Olaia Maneiro levan a súa última canción, 'Pedindo Perdón', ao Guísamo Folk. (Foto: Tanxugueiras)
O festival de folk enceta a súa XXIII edición.

O verán está a chegar ao seu final, mais as xornadas festivaleiras seguen enchendo os torreiros e os corazóns de toda Galiza coa mellor música do país. O festival Guísamo Folk é unha das citas estivais imperdíbeis e celebrará  hoxe a partir das 20 horas a súa vixésimo terceira edición. Unha cita de balde que terá lugar no campo da feira de Guísamo, en Bergondo (comarca da Coruña).

Diferentes actividades e obradoiros decorrerán ao longo da tarde, quentando motores para o prato forte da xornada. Catro artistas cunha longa traxectoria na Galiza ocupan o cartaz desta edición. O grupo Arredores e seu proxecto no que mesturan as raíces da música tradicional galega con harmonías e arranxos de corte contemporánea veñen desde Zas (Terra de Soneira) para pór á veciñanza a bailar ao ritmo do baixo e a pandeireta. Claudia, Antón e Marina conforman Abril e farán o propio coa súa mestura da música de raíz galega e ibérica con outros xéneros actuais. 

A banda de rock Terbutalina posúe unha longa traxectoria festivaleira e veñen ao Guísamo Folk para achegar cancións clásicas do seu repertorio, como 'Marisco Barato' ou 'Antonte Vinte', mesturados con éxitos provenientes do seu último disco de longa duración Era Cabra. Tanxugueiras é un dos grupos que máis fixo pola Galiza fóra das súas fronteiras e chegan a Guísamo cinco anos despois da súa última actuación no festival para amosar á veciñanza os motivos do seu éxito. Olalla e Sabela Maneiro e Aida Tarrío veñen de publicar o seu último tema, 'Pedindo perdón', que estrearon o pasado xullo en primicia no seu concerto no festival Son RíasBaixas de Bueu (O Morrazo).